Un total de 39 socorristas acuáticos vixiarán os areais de Riveira no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Ao igual que no verán pasado, serán un total de 39 os socorristas que se encargarán de velar pola seguridade das praias riveirense nesta tempada estival. O Concello acaba de activar o proceso selectivo para a contratación do persoal que integrará este servizo.

Neste senso, o Servizo Municipal de Salvamento e Socorrismo estará formado por un coordinador, tres xefes de praia e 35 socorristas acuáticos, dos cales 23 traballarán a xornada completa de 40 horas e 12 a tempo parcial, cunha xornada de 24 horas semanais (o coordinador e os xefes de praia tamén desempeñarán as súas funcións a xornada completa).

A duración dos contratos serán de dous meses e dez días, prevíndose o inicio da relación laboral o día 1 de xullo. Non obstante, en función das necesidades do servizo e sobre todo das condicións meteorolóxicas reinantes poderíase adiantar ou retrasar a súa posta en funcionamento.

Así mesmo, poderase ampliar a duración dos contratos naqueles areais que se consideren máis necesarios, sempre que exista consignación orzamentaria.

Atribucións

En canto as funcións dos distintos membros, corresponde ao responsable da coordinación do servizo a súa organización diaria, distribución de persoal, descansos e dotación de material; formular as propostas que considere necesarias para a súa mellora; supervisar o mantemento e limpeza dos equipos; propoñer medidas disciplinarias se fose o caso; recoller diariamente a información sobre o estado das praias, confeccionar un parte diario cos servizos prestados, velar pola seguridade do persoal socorrista, coordinarse adecuadamente con Protección Civil, Policía Local, Garda Vicil e demais servizos de emerxencia, etc…

Cada xefe de praia levará a cabo a dirección do equipo de persoas asignado aos seus areais, a xestión dos recursos en canto a urxencias e posta en marcha de dispositivos de actuación e prevención, así como os protocolos de servizo preventivo.

As funcións dos socorristas acuáticos consisten en prever accidentes ou situacións de emerxencia, realizando tarefas de vixilancia e información; rescate de persoas en casos de accidente ou situación de emerxencia; asistir como primeiro interveniente; ou velando pola seguridade dos usuarios das praias previndo situacións potencialmente perigosas ou intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.

Inscricións

Os interesados en formar parte deste proceso selectivo poderán presentar as súas solicitudes nun prazo de oito días naturais a partir de mañá. As bases de contratación e o modelo de instancia están dispoñibles na páxina web municipal www.riveira.es.

Para a selección do coordinador rexerá un concurso de méritos e entrevista, en tanto que para xefes de praias e socorristas o sistema será o de oposición libre.

28 de maio de 2014 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.