Un total de 25 agrupacións actuarán no festival benéfico de fin de curso do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Un total de 25 agrupacións participarán mañá no festival benéfico de fin de curso organizado pola Concellaría de Cultura que dirixe Teresa Veloso. Será a partir das 16.00 horas cando se abran as portas do polideportivo para acoller este acto de fin de curso solidario, e é que tanto as entidades participantes como o público asistente deben achegar un quilo de alimento non perecedoiro á entrada que irá destinado ao Programa Municipal de Alimentos SOS Porriño. Todos os alimentos serán ben recibidos, no entanto, cereais, leite, chocolate e galletas, para o almorzo dos máis pequenos da casa, son agora os que máis urxen.

Actuacións musicais e de baile e mostra dos traballos realizados neste curso comporán o evento. Os primeiros en actuar serán os 14 grupos de gaitas, pandereteiras e cantareiras procedentes das diferentes parroquias (Grupo de gaitas O son dos Muíños de Chenlo, Cantareiro/a<sent\>s O Castelo de Cans, Grupo de Gaitas Asociación Cultural San Xurxo de Mosende, Grupo de Baile Asociación Cultural San Xurxo de Mosende, Pandereteiras Son de Alba Centro Cultural Alba de Torneiros, Grupo Folclórico Os Penediños de Atios, Cantareiras Os Penediños de Atios, Escola de Gaita e Percusión Asociación Veciñal San Salvador de Torneiros, Cantareiras As Garatuxeiras Centro Cultural A Forna de Budiño, Gaiteiros Centro Cultural A Forna de Budiño, Cantareiras As Mimosas Centro Cultural Carracido, Cantareiras Vaiche Boa Centro Cultural Pontellas e Gaiteiros Centro Cultural Pontellas). Ás 19.00 horas está previsto unha exhibición de zumba e a continuación haberá música coral a cargo de cinco agrupacións: Coral Val da Louriña Centro Sociocomunitario de Porriño, Coral Polifónica de Cesantes, Grupo Acordeóns da Asociación Veciñal O Castelo de Cans, Coral Polifónica Os Penediños de Atios e Coral Infantil de Cesantes. Para rematar, ás 21.00 horas, subiranse ao escenario os grupos de playback Pedramoura de Atios, San Salvador de Torneiros, Centro Cultural de Pontellas, Centro Cultural A Forna de Budiño e Centro Cultural Alba de Torneiros. Paralelamente a todas estas actuacións, haberá diversos postos nos que as asociacións mostrarán os seus traballos realizados de maneira artesanal: costura, pintura, arte floral, etc.

Desde o Concello animan a todos os veciños e visitantes a que acudan durante a tarde do sábado ao polideportivo a contemplar as manualidades elaboradas polos propios veciños e as actuacións musicais, á vez que colaboran cunha boa causa.

30 de maio de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.