Suma e sigue, na Feira da Educación de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Segunda xornada da Feira de Educación de Riveira

Segunda xornada da Feira de Educación de Riveira

No seu segundo día, a Feira da Educación de Riveira está a vivir unha concorrida xornada, con actos que están a encher o Auditorio Municipal.

É o caso do recital poético infantil na honra de Xosé María Díaz Castro, o homenaxeado neste ano no Día das Letras Galegas, que congregou no salón de actos a alumnado de Primaria dos distintos centros educativos do municipio. Lecturas conxuntas, actuacións de pendeiretas integraron está animada actividade ante os reiterados aplausos do público.

Outras accións desenvolvidas esta mañá foi un encontro co autor Alfredo Gómez Cerdá ou “Contando con Daniel”, na que o profesor do CEIP Plurilingüe O Grupo Daniel Gómez Ramil contou unha narración ao alumnado, formado por nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria.

Exhibición de robots

A continuación tivo lugar unha exhibición de robots do proxecto desenvolvido polo IES Número 1, de forma simultánea a actividade “Lendo á sombra das árbores”, na que nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Frións leron contos a compañeiros e compañeiras, tal e como adoitan facer no propio centro de ensino a partir da primavera.

Pola tarde está previsto catro novas propostas: “Xadrez para todos” -sobre aplicacións informáticas de xadrez para nenos e nenas: 16 horas no primeiro andar do Auditorio-; Tea at 5, -conversas informais de 2 minutos en inglés a iniciativa da Escola Oficial de Idiomas: 17 horas no primeiro andar, “Life Cooking Class” – clases de cociña en inglés acompañadas de degustación: 18 horas no primeiro andar; e clase aberta de pandeireta ofreceida polo colexio Bayón (16 horas no parque de Pedra Pateira).

14 de maio de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.