publicidade hoxe

Sada inaugura unha mostra audiovisual sobre oficios locais realizada polo CGAI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre hoxe na Capela de San Roque de Sada (A Coruña) a exposición titulada ‘Retratos de oficios de Sada’, resultado do traballo audiovisual levado a cabo nos últimos meses polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) cos alumnos e alumnas do IES O Mosteirón desta localidade.

A mostra, que permanecerá aberta ao público ata o próximo venres 30 de maio, pon o colofón a actividade desenvolvida desde outubro pasado dentro do programa Cinema en curso, unha iniciativa formativa internacional na que tamén participan nenos e mozos de Cataluña, Madrid, Arxentina e Chile co obxectivo de se achegar ao cinema como arte e cultura, ademais de explorar as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica.

O programa está coordinado en Galicia polo CGAI como parte do Plan Proxecta posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, no caso concreto de Sada, cóntase tamén coa colaboración do Concello.

‘Vida dunha fábrica’ e ‘A telleira, pozos de lembranzas’

O IES O Mosteirón de Sada foi un dos oito centros educativos galegos seleccionados para participar na presente edición de Cinema en Curso. Os estudantes de 4º de ESO realizaron dúas películas documentais arredor de dous oficios emblemáticos desta vila. Así, ‘Vida dunha fábrica’ retrata os traballadores e a actividade diaria de Cerámicas O Castro; e ‘A telleira, pozos de lembranzas’ evoca o labor e o día a día na telleira da familia Brandariz Vázquez.

A exposición articúlase a través da proxección permanente destes dous títulos e dunha compilación de fotografías que dan testemuño do proceso de traballo acometido polos alumnos durante a gravación e a realización das fitas.

23 de maio de 2014 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.