Riveira será o gran escaparate da educación con 27 actividades en 3 días
No marco da programación do Maio Cultural, os días 13, 14 e 15 vai ter lugar a primeira edición da Feira de Educación de Riveira: unha iniciativa que xorde no seo do Consello Escolar Municipal e que se materializará no desenvolvemento dun total de 27 actividades durante as tres xornadas citadas.
A concelleira Maricarmen Vizcaya e máis Alicia Padín como responsable do servizo local de Normalización Linguística explicaron os detalles deste novidoso evento, pioneiro cando menos a nivel comarcal. Os 20 centros educativos existentes no termo municipal están implicados, incluíndo non só os distintos colexios de infantil, primaria e secundaria, senón tamén outros como o Centro Integrado de Formación Profesional de Coroso, a Escola Náutico-Pesqueira, a Escola Oficial de Idiomas, o centro formativo de Amicos ou o Conservatorio de Música.
A feira está plantexada de tal xeito que mentres as actividades das mañás están dirixidas a un público escolar específico, as vespertinas teñen carácter aberto e a elas poden asistir pais, nais e interesados en xeral.
Idiomas e tecnoloxía
Entre a variadísima temática das actividades programadas, destacan algunhas tan interesantes como as que inciden na aprendizaxe de idiomas (por exemplo un espectáculo bilingüe en inglés e galego que abrirá a feira; ou as conversas informais no idioma anglófono da denominada “Tea at 5) o que serve de particular homenaxe ao distinguido no Día das Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro, que tiña na tradución a súa profesión. Tamén son dignas de mención as de carácter tecnolóxico, como unha exhibición de robótica, unha app para tablets de creación de contos ou a presentación dun proxecto de vivenda domotizada.
De xeito paralelo terá lugar unha exposición temática na planta alta do Auditorio na que estarán dispostos vinte stands, un por cada centro formativo participante.











