Riveira implantará un viveiro de empresas para favorecer o emprendemento
Concello de Riveira, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Fundación Incyde acaban de rubricar esta mañá a sinatura dun convenio para a creación no municipio dun viveiro de empresas co obxecto de favorecer o emprendemento e a creación de emprego. O desenvolvemento desta actuación comporta un investimento de 385.000 euros, dos cales un 80% (308.000 euros) están financiados con cargo a fondos europeos FEDER e o 20% restante será aportado polo Concello.
Manuel Ruiz no nome do Concello, Jesús Asorey como presidente da cámara compostelá (tamén estivo presente o secretario xeral Fernando Barrios) e Javier Collado como director xeral da Fundación Incyde, que aglutina ás 87 cámaras de comercio que hai en España, foron os encargados de estampar as súas rúbricas no documento de colaboración.
De acordo coas cláusulas do acordo, a execución do proxecto deberá inciarse antes do 1 de agosto de 2014 e ter finalizado antes do 30 de setembro de 2015, se ben Ruiz Rivas explicou que a intención do Executivo é que o viveiro estea en funcionamento xa no primeiro trimestre do vindeiro ano.
O munícipe tamén explicou que a creación desta iniciativa é unha “vella aspiración” co obxecto de axudar a que moitos emprendedores do contorno conten cunha infraestrutura e co asesoramento adecuado para poder iniciar con expectativas a súa aventura empresarial.
O viveiro estará enfocado cara o sector servizos e poderá dar cabida, segundo unhas primeiras estimacións, a entre 15 e 20 empresas que estarán funcionando simultaneamente co apoio técnico especializado da Cámara de Comercio de Santiago. Javier Collado explicou a este respecto que o que se pretende con este tipo de iniciativas é favorecer a rotación, razón pola cal unha empresa non poderá permanecer máis de dous anos.
Sede
En canto á localización do viveiro, o alcalde explicou que “nun 99,9% de posibilidades” o lugar onde se desenvolverá será unha planta de 400 metros cadrados dun edificio situado en Coroso que foi cedido no seu día ao Instituto Social da Mariña, pero que o Concello está en trámites para lograr a súa desafectación dado que nunca cumpriu o obxecto polo que foi entregado. Este mesmo inmoble vén funcionando nas súas dúas primeiras plantas (o viveiro estaría situado na terceira e contaría cunha entrada independente mediante un ascensor exterior) como sede do servizo da UAD.
Sobre a eficacia deste tipo de propostas de dinamización económica, Jesús Asorey argumentou que, mentres o 60% das novas empresas que se crean en España non superan os dous anos de existencia, no viveiro de Compostela o 80% das empresas nacidas dende 2006 seguen con vida.











