Riveira entrega a insignia de ouro do Concello a 14 traballadores con máis de 25 anos de servizo

Homenaxe a traballadores do Concello de Riveira
Arroupados polos seus compañeiros que abarrotaron o salón de plenos do Consistorio, catorce traballadores municipais de Riveira foron homenaxeados no día de hoxe con motivo da celebración do día de Santa Rita, padroa dos empregados da Administración Local.
Todos eles teñen o denominador común de sumar máis de 25 anos de servizo ao cidadán, sumándose así a outras sete persoas que, tal día como hoxe do ano 2012, recibiran a insignia de ouro do Concello no restaurante Baiuca de mans do alcalde Manuel Ruiz.
Nesta ocasión, o rexedor municipal estivo flanqueado na mesa presidencial do salón de plenos pola secretaria xeral do Concello, María Cacharro, e polo interventor, Jorge González. Antes de proceder á entrega das insignias de ouro, Ruiz Rivas dirixiu unhas palabras aos obsequiados.
O alcalde manifestou que se atopa “máis que satisfeito” do nivel dos funcionarios e traballadores deste Concello e agradeceu o esforzo do colectivo. Así mesmo, avogou por facer entre todos unha comunidade de intereses en favor dos veciños deste municipio, “que son os que directamente se benefician do voso traballo”.
Vítores e aplausos
Acto seguido, a secretaria xeral foi lendo o nome dos distinguidos entre os vítores e aplausos dos alí congregados, en tanto Manuel Ruiz impuña a cada un deles a insignia de Ouro. A celebración rematou coa tradicional foto de familia.
O nome dos catorce homenaxeados é: Juana María Blanco Reiriz, Narciso Coira Pérez, José Manuel García González, María del Carmen Gómez Rodríguez, José Antonio Gómez Sampedro, María Margarita Iglesias Regueiro, María José López González, José Eugenio Millán Muñiz, Manuel Vicente Novo Lijó, Francisco Javier Novo Martínez, José Manuel Olveira Brión, María Cristina Rodríguez Pérez, José Antonio Santamaría Parada e José Manuel Orellán Santos (este último e María José López González non puideron asistir ao acto, nun caso por motivos laborais e no outro por estar de viaxe).
Ao acto asistiron diversos concelleiros e tenentes de alcalde, como Dolores Elorduy, Juan Luis Martínez, Antonio Freire, Anxo Orellán ou Aroa Fernández, entre outros.











