Representantes do Concello de Riveira reúnense co sector da hostalería local
A Casa Consistorial deu cabida esta mañá a unha reunión entre membros do Executivo de Riveira (o alcalde Manuel Ruiz e o concelleiro de Atención Cidadá, Juan Luis Martínez) cunha representación do sector da hostalería local para analizar un conxunto de temas que son de interese para ambas partes.
Entre eles figurou o referente á regulación dos modelos de terrazas, un asunto no que se decidiu a inclusión do mobiliario elaborado en aluminio, material moi empregado en determinadas zonas do municipio como é o caso de locais radicados na praza García Bayón.
No transcurso da reunión tamén se advertiu das dificultades que, á hora de adaptarse antes deste mes de xuño aos criterios ornamentais tal e como indica a ordenanza na súa cláusula transitoria primeira, rexistran determinados establecementos que, ademais de mesas ou cadeiras, posúen outros elementos economicamente máis costosos, especialmente toldos.
Pensando neste tipo de supostos decidiuse ampliar ata o verán de 2015 a entrada en vigor da ordenanza nesta materia, existindo un compromiso por parte da hostalería local de acometer unha adaptación por fases, de tal xeito que a maior parte das actuacións necesarias para adecuarse á normativa serán realizadas xa no presente ano.
Outro dos asuntos abordados foi o do horario de terrazas durante o verán, que irá en función da licenza, sendo o horario máximo permitido o que se corresponde cos locais que teñen licenza de cafetería.
Por último, durante a reunión se incidiu na conveniencia de establecer unha coordinación entre Concello, hostalería e comisións de festas (incluíndo organizacións análogas como a Confraría da Dorna) á hora de tratar asuntos que son de interese común para todos.











