Os IES e a OMIX do Porriño imparten talleres de “Quérote+” a xóvenes de 13 a 16 anos
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Porriño, dependente da Concellaría de Mocidade que dirixe Iria Lorenzo, en colaboración cos centros Quérote + da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, pon en marcha diversos talleres co obxectivo de formar aos mozos porriñeses en aspectos vinculados co seu desenvolvemento persoal, as súas inquietudes e intereses e coa ampliación de certas destrezas e habilidades para coñecer, aceptarse e relacionarse de forma satisfactoria.
Este martes, día 13, impartiuse o o primeiro dos talleres, Divers\<sent\>s, no que participaron unha vintena de estudantes do CPI Ribeira de entre 14 e 16 anos. Durante a sesión déronse a coñecer os conceptos relativos á identidade sexual e á orientación do desexo co obxectivo de analizalos e diferencialos como elementos crave dentro do proceso de sexuación humana.
Baixo o título de Sexprésate os estudantes de terceiro da ESO do IES Ribeira do Louro participarán, en dúas quendas, o 20 e o 27 de maio ás 16.00 horas, dunha actividade de educación sexual a través da cal se promoverán as ferramentas que posibiliten a toma de decisións razoadas e lexitimarase as vivencias adolescentes como propias do proceso vital.
Por outra banda, Sacando as redes da pantalla impartirase o día 10 de xuño no IES Piñeiro Manso, tamén ás 16.00 horas. 27 alumnos de entre 13 e 16 anos asistirán a este taller no que se falará, entre outras cuestións, do uso que os mozos fan das redes sociais, das implicacións que pode ter compartir certa información e do acceso a contidos non adecuados ou de fontes pouco fiables. Así pois, o obxectivo da actividade centrarase en fomentar hábitos de uso responsable nas novas tecnoloxías, á vez que se reflexiona sobre posibles situacións que poden darse co uso das redes sociais.
Outra das finalidades de ambos os talleres é dar a coñecer os centros Quérote + como un servizo público, gratuíto e confidencial de información e asesoramento á mocidade galega naquelas áreas nas que se poida achegar un maior entendemento social e que se facilite o crecemento persoal.











