O triángulo de emprego do Porriño continúa cun taller de motivación emprendedora
Tras o inicio onte do mes do emprendemento do Triángulo de Emprego, organizado pola Concellaría de Emprego e Formación do Concello de Porriño que dirixe M. Alejandro Lorenzo, o programa continúa mañá xoves a partir das 11.00 horas no Multicentro de Torneiros.
Nesta ocasión celebrarase un taller de motivación emprendedora a cargo de Ignacio Moure, director de Ignacio Moure& Asociados. A sesión está aberta a todas aquelas persoas interesadas en asistir. A entrada é libre e gratuíta.
O Triángulo de Emprego chega á súa última etapa en maio despois de iniciarse en marzo. Ao longo deste mes, todos os martes e xoves, como xa vén sendo habitual, o Multicentro de Torneiros acollerá, en horario de mañá, diversos relatorios de directivos e técnicos especializados que falarán, entre outras cuestións, dos trámites de alta e as obrigacións fiscais e legais do emprendedor, os microcréditos a autónomos e pemes, as bonificacións e subvencións ás que poder acollerse e da internacionalización das empresas.
Desde o Concello valoran moi positivamente o programa previsto “a través do cal persoas desempregadas e tamén estudantes poderán considerar a opción do autoemprego como unha saída laboral de futuro”, explica o alcalde Nelson Santos. Para iso, responsables de entidades públicas e privadas exporán as directrices a seguir á hora de pór en marcha un proxecto empresarial.











