O Porriño será escenario do Geolodía 14 na provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedra
A-
A+

O municipio de Porriño será o escenario do Geolodía da provincia de Pontevedra neste 2014. Desde a Concellaría de Canteiras, que dirixe Carlos Martínez, infórmase da celebración este sábado, 10 de maio, dunha actividade guiada baixo o título de “O granito. Patrimonio xeolóxico e motor económico”. Profesores da Universidade de Vigo guiarán aos participantes na xornada por unha ruta que inclúe visitas ao Monte Faro de Budiño, a canteira O Buraco de Blockdegal e a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito, cunha duración aproximada de hora e media. As prazas son limitadas polo que todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse entre hoxe e o xoves, día 8, chamando ao teléfono 986 81 34 82, en horario de 10.00 a 14.00 horas, ou a través da páxina web www.oceanografosgalicia.org.

Os Geolodías pretenden achegar á sociedade tanto a xeoloxía como a profesión do xeólogo. Consisten nunha excursión de campo guiada por xeólogos, totalmente gratuíta e aberta a todo tipo de público. Realízase en lugares interesantes pola súa contorna xeolóxica, e proporciónase unha información rigorosa a nivel divulgativo. Permite ver estes lugares con “ollos xeolóxicos”, e albiscar algúns aspectos de como funciona a Terra sobre a que vivimos e de cuxos recursos naturais dependemos totalmente, sendo tamén unha maneira de sensibilizar á poboación sobre a importancia e necesidade de protexer o noso patrimonio xeolóxico.

A orixe de Geolodía sitúase na provincia de Teruel, no ano 2005. Aos poucos, sumáronse outras provincias a esta iniciativa, e no 2009, tiveron lugar Geolodías noutras 6 provincias. Desde o ano 2011 realízase un Geolodía por provincia no segundo fin de semana de maio, sendo unha iniciativa apoiada pola SGE, a Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra (AEPECT) e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME).

5 de maio de 2014 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.