O Porriño inviste 145.000 euros na instalación de céspede artificial no campo de fútbol de Budiño
No prazo aproximado dun mes os xogadores do equipo de fútbol de San Salvador de Budiño poderán gozar xa dun novo campo. E é que tras o acondicionamento xeral das instalacións agora procederase á dotación de céspede artificial. O alcalde do Concello de Porriño, Nelson Santos, informa de que a obra, sacada a concurso público ao que se presentaron un total de oito empresas, xa foi adxudicada por un importe de 145.000 euros iniciándose os traballos nas próximas semanas.
Cúmprese desta maneira o compromiso contraído por Concello de Porriño co Club de Fútbol San Salvador de Budiño de dotalo dun novo terreo de xogo sofisticado e de última xeración. Así, a maiores da instalación do céspede, a Administración local investiu outros 150.000 euros en ampliar os vestiarios, renovar as bancadas, colocar novas portarías, un sistema de rega automática e acondicionar todo o peche do campo.
“O proxecto, similar aos xa existentes en Atios, Pontellas e no Complexo Deportivo do Lourambal, supón un investimento por parte do Concello de case 300.000 euros, contando ademais coa colaboración da Deputación de Pontevedra nos traballos de nivelación do terreo”, sinala Santos.
O concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, explica que se instalará céspede artificial de monofilamento con tres nervios, “facéndoo máis forte e duradeiro no tempo, debaixo do cal se incorpora unha base amortiguadora para unha maior confortabilidad”. Desta maneira, construirase un campo de herba sintética, de características e prestacións tan óptimas como calquera outro de herba natural.
O Concello de Porriño puxo en marcha esta actuación tendo en conta a importante canteira de futbolistas de Budiño, da cal saíron grandes figuras como Jonathan Vila e Luciano, xogadores de primeira e segunda división. “Agora, coas renovadas instalacións das Reloas esperemos que todos os porriñeses podamos gozar vendo emerxer novos valores”, conclúe o alcalde.











