O Porriño conmemora o Día das Letras Galegas con numerosas actividades
Con motivo da celebración o vindeiro sábado 17 dos Días das Letras Galegas, dedicado este ano á figura do poeta Xosé María Díaz Castro, o Concello de Porriño, a través da Concellaría de Cultura do Concello de Porriño, que dirixe Teresa Veloso, ten preparadas diversas actividades que se realizarán ao longo desta semana.
Mañá martes, a Biblioteca municipal acollerá un taller de creación de cómics do que participará un grupo de usuarios de Aceesca e de escolares do CEIP Fernández López. Tamén a estas instalacións acudirán, o xoves e o venres pola mañá, os nenos e nenas de 0 a 3 anos da escola infantil Doantes de Sangue, que farán unha visita á biblioteca para coñecela e, sobre todo, a sala infantil a cal está adaptada aos máis pequenos da casa con obras e xogos acordes a diferentes idades.
O mércores 14, e como cada ano por estas datas, un grupo de alumnos do IES Ribeira do Louro, acompañados da súa profesora de Educación Plástica María José Igrexas, acudirá á praza do Cristo para pintar un mural conmemorativo das Letras Galegas que cara ao mediodía será colgado na fachada do centro cultural.
Finalmente, o xoves día 15, os usuarios da Escola Municipal de Música de Porriño ofrecerán un concerto. Será ás 19.30 horas no Círculo Recreativo Cultural con entrada libre e gratuíta.











