O Porriño asina un novo convenio coa asociación Arela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

No seu obxectivo de pór en valor, máis si cabe, a cultura e a arte porriñesas, o Goberno local asinou, esta mañá na Casa Consistorial, un convenio de colaboración coa Asociación Cultural Arela, responsable da organización do afamado Festival de Curtametraxes de Cans, entre outras iniciativas culturais e lúdicas.

Desta maneira, a undécima edición do Festival de Cans, que se celebrará do 21 ao 24 de maio, conta co respaldo e apoio da Administración local e así se fixo constar coa firma deste novo acordo, acto no cal estiveron presentes, o alcalde Nelson Santos, a presidenta de Arela, Keka Igrexas, e Alfonso Pato, director do festival.

Como xa o anunciaba Santos a semana pasada durante a presentación oficial do evento, o Concello de Porriño decidiu aumentar a súa achega incrementado en 50% a axuda económica destinada a tal fin, pasando dos 10.000 aos 15.000 euros fixados para este ano 2014.

En 2010 o Concello asinou un acordo con Arela no que se recollía, ademais da achega económica, a cesión de infraestruturas e servizos, cunha duración de catro anos. Agora, transcorrido ese período, o Goberno local renova o convenio “xa que creemos conveniente, máis aínda nestes tempos difíciles, o continuar contribuíndo e achegando para conseguir que este festival de renome en Galicia, España e mesmo a nivel internacional se sigua celebrando”, explica o alcalde Nelson Santos á vez que destaca o feito de “realizar un maior esforzo e aumentar a partida destinada para tal fin”. Ademais, desde o Concello contribúese en cuestións de seguridade e tráfico, así como tamén en temas de limpeza e acondicionamentos das diferentes zonas.

12 de maio de 2014 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.