publicidade hoxe

O pequeno comercio galego reinvéntase e incrementa o seu volume de negocio coas novas tecnoloxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSada
A-
A+

A Casa da Xuventude do Concello de Sada acolleu onte a xornada “Innovación, a supervivencia do pequeno comercio ante a crise”, organizada pola Factoría de Innovación da Coruña, co obxectivo de dar a coñecer as vantaxes e oportunidades que a aplicación de distintas medidas innovadoras poden ofrecer ao pequeno comercio.

Tal e como se puxo de manifesto durante este encontro, inaugurado por Fernando Campos Seijo, Concelleiro de Medio Ambiente, Promoción Económica e Turismo do Concello de Sada, o sector enfróntase actualmente a un futuro complicado debido á forte presión das grandes superficies e centros comerciais, a ameaza crecente do comercio electrónico e a crise económica. Superar estes obstáculos depende, en gran medida, de agudizar o enxeño e buscar alternativas que permitan incrementar o volume de negocio sen ter que realizar grandes investimentos.

Neste sentido, Lolo Rei, experto en Estratexias de Mercadotecnia online, recomendou aos comerciantes reinventarse constantemente, adaptándose ás tendencias e aos gustos e necesidades dos consumidores. Segundo o seu punto de vista, orientar os negocios cara ao universo online, deseñando estratexias dixitais aliñadas cos obxectivos empresariais, é unha das mellores opcións existentes para ampliar o nicho de mercado e poder competir con “os máis grandes”.

En moitas ocasións, as pemes consideran que innovar é demasiado complicado, por iso, Julio Sánchez, consultor da Factoría de Innovación da Coruña, quixo compartir cos asistentes algunhas pautas para poder xerar ideas que poidan abrir novos mercados ou mellorar produtos que xa existen.

Profundando nesta idea, Alicia Jover, xerente da empresa Natural Healing, insistiu na importancia que ten a xeración de marcas e a súa vinculación ás emocións dos consumidores.

A xornada clausurouse cunha mesa redonda na que Sonia Rivadulla de Rqr Zapatos, Montse Guillén de Modesta Téxtil, Mónica Sánchez de Pekerrechos.com e Verónica Ramallal de Pekecha, explicaron as súas experiencias na posta en marcha e mantemento de pequenos negocios sen contar con grandes recursos. Na maioría dos casos, a venda online e a difusión da súa actividade a través das redes sociais foron esenciais para o éxito dos seus negocios.

8 de maio de 2014 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.