O parque infantil de Abesadas sufrirá unha renovación total

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira informa da posta en marcha dunha nova iniciativa consistente na renovación integral e ampliación do Parque Infantil das Abesadas, respecto da cal hoxe mesmo deron comezo os labores preliminares, entre eles o valado da área de actuación.

Cun investimento de 89.545,77 euros, a obra está sendo acometida pola empresa Oziona Soluciones de Entretenimiento, S.L.. O prazo de execución son dous meses.

De acordo co proxecto redactado, o parque actual será ampliado ocupando parte da zona axardinada que o rodea actualmente. Para tal fin, será preciso escavar a terra vexetal existente ao efecto de estender unha capa de formigón de dez centímetros de espesor.

Na área de xogo, de 690 metros cadrados de superficie, disporanse moi diversos elementos. En primeiro lugar unha estrutura multixogos de características parecidas ao doutras áreas infantís recentemente instaladas noutras zonas do municipio (parque do Centenario, Aguiño e Palmeira; proximamente Bretal).

Estará formada como mínimo por un tobogán aberto dobre curvo, un tobogán aberto recto, dous tobogáns de espiral pechados, un tobogán espiral aberto, dous paneis con burato, tres paneis de tres en raia e catro pontes, cumprindo en todo momento a normativa europea EN-1176 sobre seguridade en instalacións de áreas de xogo infantil.

Ademais, o parque contará cun xogo rocódromo realizado en poste de aceiro galvanizado, un xogo balancín, un xogo muelle, un columpio de dous pórticos con dous asentos planos e dous asentos para bebés e un columpio con asento de cesta para varios usuarios.

Pavimento continuo

Todo isto, sobre un pavimento con caucho continuo de catro centímetros de espesor que ocupará a totalidade da zona infantil. Unha valle perimetral de polietileno de alta densidade de 80 metros de altura completará a actuación.

26 de maio de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.