O granito do Porriño esperta o interese en nenos, xóvenes e maiores na xornada do Xeolodía

Xornada do Xeolodía no Porriño
A previsión inicial era de 150 persoas, pero finalmente foron moitas máis as que acudiron o sábado a Porriño interesadas en participar no Xeolodía 2014. Os profesores da Universidade de Vigo José Benvido Dez, Teresa Rivas e Natalia Caparrini dirixiron a actividade consistente nunha visita guiada a través da cal se puxo en valor o granito como patrimonio xeolóxico e motor económico.
O alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Canteiras, Carlos Martínez, asistiron tamén ao evento e valoraron, do mesmo xeito que a organización, moi positivamente o resultado do mesmo, ao que acudiron desde nenos até xubilados, destacando ademais un importante número de profesores de instituto, interesados en ter unha visión xeral do granito, comezando pola súa contorna natural, continuando pola súa extracción e, finalmente, o procesado. Para moitas destas persoas era a primeira vez que visitaban unha canteira e coñecían o seu funcionamento.
Para iso, o cinco grupos nos que se dividiron todos os participantes realizaron unha ruta con inicio no Monte Faro; alí Dez, profesor do Departamento de Geociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Facultade de Ciencias do Mar, presentoulles a actividade en si e faloulles da historia xeolóxica da contorna e de como esta condiciona a economía local e os recursos existentes. A continuación, desprazáronse á canteira O Buraco de Blockdegal onde Rivas, profesora do Departamento de Recursos Naturais da Escola Técnica de Enxeñeiros de Minas, explicoulles o proceso de extracción do granito. E, finalmente, a visita concluía no Centro Tecnolóxico do Granito (CTG), que acolle o Museo Minergal, onde Caparrini, profesora tamén de Minas, apoiada por persoal do propio CTG, ensinoulles aos asistentes os diferentes tipos de rocas e minerais.
Desde a organización agradeceron a predisposición e vontade do Concello de Porriño e das diferentes entidades participantes na actividade, que contribuíron a que o evento fose un éxito. A partir de agora, comezarase xa a traballar en Xeolodía 15, barallando a posibilidade de centralo nas Illas Cíes.











