O Consorcio de Augas do Louro amplía o horario para o pago de recibos
O Consorcio de Augas do Louro informa o acordo alcanzado recentemente coas entidades bancarias que colaboran no servizo de recadación das taxas polos servizos de abastecemento, rede de sumidoiros e depuración. Desta maneira, o horario de atención en portelo en Novagalicia Banco ou A Caixa xa non estará limitado ao horario que figura no primeiro recibo emitido, correspondente aos meses de xaneiro e febreiro de 2014, senón que será o horario normal de oficina destas entidades, de luns a venres entre as 08:30 e as 14:00 en horario de verán.
O acordo contempla ademais que os abonados non deberán abonar ningún tipo de comisión a ningunha destas entidades bancarias, sendo en todo caso o Consorcio quen deba correr cos gastos derivados dese servizo.
Doutra banda o Consorcio de Augas do Louro lembra aos usuarios que o período de pago voluntario das taxas, correspondente ao primeiro bimestre deste ano, finaliza o próximo día 9 de xuño de 2014, data a partir da cal o pago dos recibos deberá liquidarse coas recargas que fixa a normativa tributaria.
Aqueles abonados aos que non lles chegou ao seu domicilio o recibo correspondente ao primeiro bimestre de 2014, deberán porse en contacto co Consorcio a través do teléfono 900 810 103 ou ben acudir a calquera do catro oficinas de atención ao usuario, para obter un duplicado do recibo xa emitido e corrixir os datos postais para o envío de correspondencia. Poderán tamén consultar ou corrixir calquera outro dato que figure no padrón.
O Consorcio lembra tamén que existe a posibilidade de domiciliar o pago periódico dos recibos, que emitirá cada dous meses.