O Concello do Porriño pechou o exercicio 2013 cun superávit de máis de 1,8 millóns de euros
O Concello de Porriño rexistrou ao peche de 2013, e por segundo ano consecutivo, un resultado presupostario positivo, cun superávit de 1.831.795,70 euros. A concelleira de Economía e Facenda, Iria Lorenzo, deu a coñecer, durante a sesión plenaria celebrada este mércores, un avance do resultado económico do Concello no exercicio 2013, así mesmo sinalou que o remanente de tesouraría se sitúa nos 3.674.380 euros, o máis alto rexistrado ata o momento, superior mesmo ao do ano pasado. “Unhas cifras que poñen de manifesto que Porriño é un concello saneado e todo iso cumprindo estritamente coas pertinentes esixencias contempladas na Lei de estabilidade presupostaria”, subliñaba Lorenzo engadindo que “se trata duns resultados da xestión económica municipal froito da política de contención e redución do gasto que levou a cabo este Goberno dende a súa entrada á fronte do Concello”.
Ademais de dar conta da aprobación da liquidación do exercicio 2013, a concelleira tamén expuxo o informe de avaliación, “no que se verifica que se cumpren con todos os parámetros da estabilidade presupostaria, a regra de gasto e a débeda viva”. Neste último aspecto indicou que a data 31 de decembro de 2013 a débeda bancaria (na que se inclúe o Plan de Pagamento a Provedores de 2011) alcanza os 3,2 millóns de euros, o que representa tan só o 20,9% respecto ao ingreso total da contas. Neste sentido, dende o Goberno local recordan que o límite de endebedamento establecido para as corporacións locais se sitúa no 110%, unha cifra moi afastada á rexistrada en Porriño e que xa se viu reducida considerablemente respecto á do ano anterior (2012) cando a débeda era de 4,6 millóns (un 27,9%).
Máis de 1,5 millóns de euros para pagar facturas anteriores a 2010
Ao igual que no exercicio anterior, parte deste superávit obtido irá destinado principalmente a saldar facturas antigas pendentes de pagamento para o cal se aprobaron, en pleno, créditos e suplementos de créditos por importe total de 1.731.557, 20 euros, dos cales 1.558.792 euros son para saldar débeda con data anterior ao ano 2010.
Destes máis de 1,5 millóns de euros, máis de 1 millón irá destinado ao pagamento de facturas do Grupo Gradín, case 300.000 euros será para o pagamento de multas de Confederación Hidrográfica Miño-Sil e outra cantidade importante para afrontar a devolución de obras do Plan E de 2009.











