O Concello do Porriño amplía a súa aportación ao Festival de Cans nun 50%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello de Porriño decidiu aumentar a súa achega ao Festival de Cans. Deste xeito, o convenio de colaboración asinado coa Asociación Cultural Arela, responsable da organización do afamado evento, “verase incrementado nun 50%, pasando dos 10.000 aos 15.000 euros fixados para este ano 2014,” anunciaba esta mañá o alcalde Nelson Santos durante a presentación do XI Festival de Cans.

En 2010 o Concello asinou un acordo con Arela no que se recollía, ademais da achega económica, a cesión de infraestruturas e servizos, cunha duración de catro anos. Agora, transcorrido ese período, o Goberno local renova o convenio “xa que cremos conveniente, máis aínda nestes tempos difíciles, o continuar contribuíndo e achegando para conseguir que este festival de renome en Galicia, España e mesmo a nivel internacional se sigua celebrando”, explica o alcalde Nelson Santos á vez que destaca o feito de “realizar un maior esforzo e aumentar a partida destinada para tal fin”. Ademais, dende o Concello contribúese en cuestións de seguridade e tráfico, así como tamén en temas de limpeza e acondicionamentos das diferentes zonas.

Mellora da seguridade vial en Torneiros e cesión en Budiño

O aumento da devandita contía, enmarcada no listado de subvencións nominativas, foi aprobado de forma unánime no pleno ordinario celebrado o pasado mércores, 30 de abril, no cal tamén se levou a cabo outros dous puntos de interese veciñal. Por unha parte, aprobouse a mutación demanial dunha parcela de equipamento institucional a vial en Torneiros coa finalidade de aumentar a seguridade vial. Segundo explicou o concelleiro de Tráfico e Seguridade Vial, José Manuel Jacobo, “trátase” dunha parcela situada ao lado de Lonza á que se lle modifica o uso co obxectivo de realizar unha actuación no vial principal consistente na construción dunha rotonda” “para eliminar unha curva existente co conseguinte perigo que iso supón”.

Por outra parte, o concelleiro de Patrimonio, Carlos Martínez, presentou para a súa aprobación a realización dun convenio entre o Concello e a Asociación Cultural A Lagoa de Budiño para a cesión de uso dunha parcela, de 25.501 metros cadrados, de titularidade municipal. “Trátase da parcela na que está situado o centro cultural da devandita asociación pero que, a día de hoxe, non conta con ningún tipo de autorización de ocupación de dominio público, o cal é necesario, por exemplo, á hora de tramitar determinadas axudas e subvencións, de aí a necesidade da firma do devandito convenio”, sinalaba Martínez.

 

 

5 de maio de 2014 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.