O Club de Remo de Riveira incorpora actividades formativas dirixidas a maiores de idade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Case doce meses despois da creación do ansiado Club de Remo Náutico de Riveira, que viña a colmar un baleiro de moitos anos no municipio, os responsables da entidade acaban de dar un novo impulso á entidade a través do lanzamento da campaña Rema con Nós, destinada a ofrecer actividades de iniciación e formación neste deporte ás persoas maiores de 18 anos.

Miguel Cores en representación do Club Náutico de Riveira e Juan Luis Martínez no nome do Concello (despois se sumaría ao acto á adestradora Sandra Sánchez) compareceron en rolda de prensa para dar as explicacións oportunas sobre esta nova iniciativa.

Así, Miguel Cores destacou o bo pé con que naceu o club de remo hai preto dun ano, pois de 14 ou 15 rapaces nos inicios máis inmediatos se pasou a contar na actualidade cuns 45 deportistas, todos eles pertencentes á categorías base.

Non obstante, manifestou que nos últimos meses están escoitando a un gran número persoas maiores de idade lles teñen amosado os seu interese en participar no club. E precisamente desta demanda nace a idea de Rema con Nós, sobre a que o 17 de maio, ás 11 horas, haberá unha reunión informativa no Club Náutico de Riveira para todos os que se sintan interesados.

Traíñas

Ademáis, Cores explicou que o obxectivo do club é poder contar cun equipo de traíñas nun prazo de tres tempadas, algo para o que resulta fundamental seguir favorecendo a implantación deste deporte entre categorías base.

Por último, destacou o apoio que se está a recibir de institucións como o Concello, respecto do cal Juan Luis Martínez expresou a satisfacción de poder botar unha man para impulsar o deporte do remo tras moitos anos de espera.

8 de maio de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.