O Centro Recreativo de Artes de Riveira amplía o prazo para o concurso de poesía en lingua galega
O Centro de Recreativo de Artes vén de ampliar ata o día 20 de maio a posibilidade de participar no concurso de poesía en lingua galega que organiza esta entidade coa colaboración do Concello.
Hai que recordar que son catro as categorías convocadas. Así, os autores de 9 a 11 anos deberán presentar unha peza poética de entre vinte e trinta versos. Haberá tres premios, consistentes nunha placa conmemorativa máis un vale para material escolar valorado en 100, 50 ou 25 euros, dependendo do posto logrado.
Os autores con idades de entre 12 e 14 anos deberán presentar unha peza poética de entre 25 e 50 versos. Os premios serán semellantes á categoría interior (placa conmemorativa e vale para material escolar de 100, 50 e 25 euros).
A terceira categoría integrará aos autores de 15 a 16 anos, quen deberán presentar composicións de entre 50 e 100 versos. Neste caso, ademais da correspondente placa conmemorativa, haberá vale para material escolar por valores de 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros.
Premio de mil euros
Finalmente, os autores de 18 anos en diante deberán presentar unha obra poética ou colección de poemas cuxa extensión estea entre os 100 e os 200 versos en DIN A-4, letra tamaño 12 e fonte Arial ou Times New Roman. O tema será de libre elección e os premios de 1.000, 800 e 500 euros, ademais de cadansúa placa conmemorativa.
En todos os casos, os traballos deberán ser orixinais e inéditos. De acordo coas bases, deberán ser presentados por correo postal ao Centro Recreativo ou en documento pdf a centrorecreativoartes@gmail.com.











