O alumnado do IES Ribeira do Louro coñece os centros Quérote+
A Concellaría de Mocidade do Concello de Porriño, que dirixe Iria Lorenzo, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) conxuntamente cos técnicos do centro Quérote+ de Vigo levarán a cabo unha xornada informativa mediante a cal presentarán os centros Quérote+ ao alumnado de segundo curso de ESO do IES Ribeira do Louro. Será o venres 30 de maio en dúas quendas, un ás 11.45 horas e o outro ás 12.35 horas.
Durante esta sesión os escolares poderán informarse do labor desenvolvido por estes centros cuxo obxectivo se centra na prestación dun servizo público, anónimo e confidencial de información e asesoramento á mocidade galega naquelas áreas nas que se poida achegar un maior entendemento social e que se facilite o crecemento persoal. Para iso contan cun equipo de profesionais especializados: psicólogos, traballadores sociais, educadores sociais, enfermeiros… que atenden nas diferentes oficinas situadas en espazos de encontro xuvenil dos principais núcleos de poboación.
Os servizos de Quérote+ son: páxina web con información dinámica e interactiva; atención profesional de consultas presenciais, telefónicas e on-line; realización de talleres en centros de ensino, asociacións e institucións xuvenís; actividades divulgativas: casetas, mesas informativas, participación en foros… e publicacións propias: folletos, monográficos, guías, etc.











