O alumnado de primaria do Porriño aprende a conducir de maneira segura e responsable

Prácticas de seguridade vial
A Campaña de Educación Viaria e Cidadá do Concello de Porriño continúa estes días nos diferentes colexios do municipio coas sesións prácticas, despois de impartirse as clases teóricas. Esta mañá foi a quenda do alumnado do CEIP Antonio Palacios, 36 escolares de sexto de Educación Primaria que aprenderon a como circular de maneira correcta nun circuíto cedido pola DXT e instalado no patio do centro. Co apoio dun axente da Policía Local os estudantes puxeron en práctica o apreso nas sesións teóricas mediante a utilización de cars e bicicletas, sendo corrixidos e guiados para respectar os diferentes sinais de tráfico e semáforos e conducir de maneira segura e responsable.
Onte realizouse a actividade no colexio de Atios, mañá será no Fernández López, o venres no de Budiño e para a próxima semana será a quenda do Santo Tomás, Irmáns Quiroga e CPI Ribeira, o luns, mércores e venres, respectivamente, todas ás 09.30 horas.
Esta Campaña de Educación Viaria e Cidadá, desenvolvida polas concellarías de de Educación e de Tráfico e Seguridade que dirixen Ana Martínez e José Manuel Jacobo respectivamente, ten como obxectivo promover actitudes responsables que favorezan a seguridade viaria e cidadá da poboación, centrándose especialmente nos estudantes. O alcalde Nelson Santos destaca da campaña, ademais do seu contido de educación viaria, “o seu espírito de concienciación cívica que busca a exemplaridade dos máis novos”. Uns 500 escolares aproximadamente participan nesta iniciativa, que dá continuidade á campaña xa iniciada o pasado curso, “que esperamos repercuta de maneira positiva na seguridade viaria e na mellora da convivencia cidadá no noso municipio”.
O programa contén dous proxectos diferenciados: un dirixido ao alumnado de sexto curso de Educación Primaria e outro para estudantes de 4º de ESO e Bacharelato. No primeiro dos casos, a actividade divídese nunha parte teórica e outra práctica. Nas sesións teóricas, que se desenvolveron durante os meses de febreiro e marzo, abordáronse contidos de educación viaria (roles e funcións da Policía Local, medidas de seguridade, transporte de mascotas, sinais de circulación, mobilidade como peón, uso da bicicleta e protocolo do 112), de prevención de riscos (intervención dos bombeiros e actuación en situación de emerxencias) e de educación cívica (coidado da contorna, mobiliario urbano, patrimonio, convivencia pacífica e tenencia responsable de mascotas).
Por outra banda, o programa dirixido aos máis adolescentes (a partir de 15 anos) desenvólvese nos dous institutos (Ribeira do Louro e Piñeiro Manso). O obxectivo neste caso céntrase en promover a condución responsable, a prevención de condutas de risco e a ejemplaridad cidadá. Con este proxecto trátase de sensibilizar aos mozos que xa empezan a ser usuarios de vehículos para que adquiran unha actitude madura e exemplar, abordando contidos como as causas e consecuencias dos accidentes de tráfico, do consumo de alcol e drogas, as condutas de riscos, as medidas de seguridade, o protocolo de actuación en accidentes e prácticas de educación cívica.











