Moncho Fernández e Oriol Junyent explican aos xóvenes de Noia a importancia do deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoiaSantiago de Compostela
A-
A+

O técnico do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, impartiu xunto ao capitán do equipo Oriol Junyent unha clase maxistral sobre o valor do deporte na formación dos mozos. A cita tivo lugar no instituto Campo de San Alberto, localizado en Noia.

Os dous profesionais falaron desde a súa perspectiva da importancia que os valores que o deporte dá teñen para que as persoas desenvolvan desde a súa mocidade unha vida física e mentalmente sa, unha formación que “vai máis aló das aulas”, como afirmou Fernández, que antes de ser adestrador foi tamén profesor de historia.

O adestrador explicou a forma na que os deportes de equipo como o baloncesto realzan actitudes como a cooperación e a solidariedade, ao ter que traballar con esquemas tácticos e comunicarse sobre a pista para que o xogo flúa. Ademais, engadiu que “o máis importante é o compromiso que un crea cos seus compañeiros, ao non poder deixar de ir adestrar un día ou non esforzarse para non prexudicar aos demais”. Este valor non só créase nos mozos que pretenden ser deportistas de elite, senón tamén nos que acoden a campus deportivos puntuais, por exemplo.

Pola súa banda, Oriol Junyent achegou a visión dun xogador agora veterano que estivo en máis de doce equipos diferentes durante a súa carreira profesional. “O máis importante aprendino nos meus primeiros anos, e  foi o respecto aos demais, en especial aos maiores, e a xenerosidade. Ambas as cousas veñen dadas ao compartir club con persoas de moitísimas nacionalidades e culturas diferentes, asegurou o pivote.

Ao finalizar a master-class, ambos responderon as dúbidas dos escolares e dedicaron tempo a asinar autógrafos e sacarse fotos con eles.

20 de maio de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.