Máis de 130 traballos foron presentados ao III Concurso de Microcurtas e Microrrelatos de Silleda
A concelleira Margarita Campos amosa a súa satisfacción “pola elevadísima participación” deste ano nos certames “cos que buscamos fomentar a creatividade ademais de contribuir ao uso do galego sobre todo entre a poboación máis nova”, engade. A orixinalidade e a creatividade dos traballos serán as liñas básicas para xulgar os traballos nos dous casos.
Os certames forman parte da programación deseñada dende a Concellería con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, que se complementará ao longo deste mes de maio con outras actividades. O fallo dos concursos darase a coñecer o vindeiro día 9 de maio.
O xurado estará presidido pola concelleira Margarita Campos e no caso das microcurtas contará coa valoración realizada por dous profesionais do sector audiovisual e por outros dous profesionais dos medios de comunicación no caso dos microrrelatos.
O gañador ou gañadora da sección audiovisual levará como premio unha tablet valorada en 100 euros, e o centro educativo ao que pertenza, de ser o caso, un lote de libros en galego. O premio de microrrelatos, ao igual que en anos anteriores consistirá nun e-book ou libro electrónico, e tamén se entregarán libros aos centros educativos, se os galardoados pertencen a algún centro educativo.











