Gran arranque da primeira edición da feira da educación de Riveira
Hoxe martes arrancou con éxito a primeira edición da Feira da Educación de Riveira, unha iniciativa promovida polo Concello a suxestión do Consello Local Municipal que está a recibir a implicación dunha vintena de centros educativos.
Esta primeira xornada foi escenario na súa sesión de mañá de interesantes propostas, como foron o espectáculo bilingüe “Dúas linguas, unha historia”, a cargo de Charo Pita e Tim Bowley, a función teatral en inglés “Frankenstein”, para alumnos de 5º de Primaria do colexio Galaxia; a contacontos infantil Ana María Carreira ou a actividade “Once Open a Time” dirixida a nenos do colexio de Frións, ofrecida por Jate e Jordan Salisbury.
Todas estas iniciativas tiveron lugar no Auditorio Municipal, cuxo andar superior está decorado cos imaxinativos e coloridos stands confeccionados polos distintos centros participantes.
Mesa redonda
Entre as actividades programadas para este serán figuran unha mesa redonda denominada “Máis aló do ensino. Presentación da oferta educativa do noso concello”. Será ás 17 horas no Auditorio e contará coa participación de representantes do CIFP Coroso, IES Leliadoura, IES Nº1, Escola Oficial Náutico-Pesqueira e Escola Oficial de Idiomas. Está prevista a asistencia do alcalde Manuel Ruiz.
Outras accións serán unha clase aberta de pandeireta (no primeiro andar do Auditorio) e outra de baile tradicional (no parque de Pedra Pateira), ambas promovidas pola ANPA do CEIP Plurilingüe de Frións. Terán lugar a partir das 16 horas.











