Formalízase o replanteo do reinicio das obras do mercado de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira informa de que no día de hoxe foi formalizada o acta de replanteo que marca administrativamente o inicio das obras necesarias para a finalización do novo mercado municipal.

De feito, operarios da empresa adxudicataria – Acciona Infraestructuras, S.A,- comezaron esta mesma mañá a realizar unha serie de accións preliminares, como a instalación in situ da oficina de obras ou a colocación de vallas.

Peche dun tramo da rúa Canarias

Neste último sentido, e tal como acontecera xa con motivo da cimentación do mercado, péchase á circulación viaria un pequeno tramo que dá acceso á rúa Canarias dende o Malecón. Non obstante, os condutores dispoñen dunha alternativa próxima accedendo a esa vía a través da rúa veciña Alexandre Bóveda.

O novo mercado municipal é unha das actuacións máis importantes entre as incluídas no proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder. As obras de reorientación e finalización recentemente adxudicadas comportan un investimento de 2.711.609 euros e teñen un prazo de execución de 270 días naturais.

O novo proxecto mantén en liñas xerais a aparencia do edificio e os seus característicos pechamentos inclinados. As modificacións introducidas perseguen sobre todo acadar unha maior flexibilidade de uso das distintas plantas, ao tempo que dar ao inmoble unha concepción unitaria que favoreza as sinerxías entre as mesmas, evitando que algunha puidese quedar desocupada por posuír un menor atractivo comercial.

Un dos cambios máis significativos será que as escaleiras mecánicas chegarán ata a última planta . Ademais, o oco que opera como lucernario interior mantén unhas medidas semellantes nas distintas plantas en lugar de irse reducindo gradualmente.

A planta baixa quedará ocupada polos praceiros actuais e a primeira albergará produtos complementarios a esta. En canto ao segundo e o terceiro andar, están pensados para os sectores de restauración e servizos. Ambas estarán totalmente acondicionadas (a diferencia do que acontecía no documento orixinal) e contarán con grandes aperturas para disfrutar das vistas.

6 de maio de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.