Finaliza a fase de escavación no xacemento arqueolóxico de Castro da Cidá con 600 pezas recollidas

Escavación no xacemento arqueolóxico
Hoxe venres rematou a fase de escavación no xacemento de Castro da Cidá: un labor que, a tenor dos resultados, superou incluso as expectativas máis optimistas que se tiñan en canto ao desenvolvemento desta actuación.
Neste senso, e segundo explica o director de obra, o arqueólogo Miguel Ángel Vidal, na superficie de 450 metros cadrados na que máis se traballou (localizada na zona oeste superior do recinto) foron desenterradas 15 cabanas, o que revela unha alta densidade de ocupación e dá idea do carácter predominante que tiña o castro. Na área de actuación hai tres tipos de estruturas: as clásicas vivendas circulares, outras construccións de forma oblonga e unhas terceiras de tipo cuadrangular.
Seiscentas pezas recollidas
Así mesmo, recolléronse unhas 600 pezas. Principalmente restos de cerámica, pero tamén obxectos metálicos (dous tipos de filos de ferro de coitelo), as chamadas fusaiolas (instrumentos que indican a presenza de industria téxtil) e evidencias de metalurxia.
Outro dato realmente curioso foi a aparición sobre o propio terreo do castro de vestixios dunha caseta-facho de carácter rectangular presuntamente orixinaria do século XVIII. A hipótese que se mantén ao respecto é que formaba parte dunha rede de vixilancia de navegación marítima nunha época de continuas contendas con Gran Bretaña, previa á invasión napoleónica. Presúmese que poderían existir estruturas similares noutros montes próximos ao mar, como podería ser o caso do Tahúme.
A seguinte fase desta actuación, que está incluída dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder, é a consolidación das estruturas desenterradas co fin de aseguralas e mantelas en condicións de conservación axeitadas. Está previsto que esta nova fase principie dentro de quince días.
Zona leste superior
Por outra banda, cómpre salientar que o Concello xa está pensando en dar continuidade a esta escavación. Neste sentido, ten solicitado unha subvención ao abeiro do programa Leader que xestiona a asociación Deloa coa intención de actuar noutra zona do recinto: a zona leste superior.
Esta actuación, que se pretende sexa realizada no 2015, ten un orzamento de 236.797 euros. O Concello asumiría con fondos municipais a parte da actuación que non fose subvencionada en base ao devandito programa europeo.











