Escolares do Porriño deseñarán o cartel anunciador das Festas do Cristo 2014
O Concello de Porriño, a través da Concellaría de Festexos que dirixe M. Alejandro Lorenzo, convoca o concurso de carteis para anunciar as Festas do Cristo 2014. A novidade deste ano céntrase en que serán os escolares de sexto de Educación Primaria e de primeiro curso da ESO, de todos os centros educativos do municipio, os autores do mesmo, sendo eles os que terán a oportunidade de participar deseñando a súa propia obra e presentándoa ao certame do que sairá elixido o cartel gañador a través do cal se difunda o programa de festas.
A Concellaría de Educación, que dirixe Ana Martínez, informa de que cada centro será o que entregue, en sobre pechado, os bosquexos confeccionados polo seu alumnado, non permitíndose a presentación de máis dunha obra por alumno e coa condición indispensable de ser inédita.
Os orixinais realizaranse con deseño vertical (47 cm x 64 cm) e deberán ser presentados sobre soporte ríxido e desmontable, que permita a súa perfecta exposición. A técnica a utilizar será libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución fotomecánica. Ademais do escudo oficial do Concello, os orixinais deberán incluír necesariamente os textos “Festas do Cristo. Setembro 2014. O Porriño”.
Cada centro presentará un único expediente, comprensivo de todas as obras realizadas polo seu alumnado, no centro cultural municipal, en horario de 09.00 a 21.00 horas de luns a venres, con prazo até día 6 de xuño de 2014.
Cada obra, incluída no expediente entregado polo centro escolar, presentarase sen a firma do autor e baixo unha lema, que deberá ir escrito no dorsal do orixinal así como tamén un sobre pechado –que acompañará a cada cartel- e no que se incluirá unha nota indicando o nome e apelidos do autor, domicilio, número de teléfono, correo electrónico e todos aqueles datos que se consideren relevantes para a súa mellor identificación.
O concurso establecerá un primeiro premio consistente nunha tablet e un segundo e terceiro premios cun vale para libros e material escolar.











