Entrega de diplomas aos alumnos que participaron no obradoiro de emprego “Támega”
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá no acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Támega” dirixido a persoas desempregadas , desenvolvido conxuntamente ao longo dos últimos seis meses entre os concellos de Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro e Laza.
Este programa mixto de formación e emprego centrouse en dúas especialidades: forxa e xardinería. Nesta iniciativa, que Traballo e Benestar financiou cunha achega de máis de 177.000 euros, beneficiáronse un total de 26 persoas: 20 como alumnas e alumnos e 6 como persoal docente e administrativo.
O acto celebrouse ante unha escultura realizada polos alumnos do módulo de forxa, que pretende ser unha alegoría á muller e que se instalou na contorna da Casa do Concello da localidade de Laza.