As asociacións do Porriño celebran un fin de curso solidario
As diferentes asociacións de veciños, culturais e de amas de casa do Concello de Porriño celebran un festival para expor, un ano máis, os traballos realizados nos diversos talleres celebrados ao longo deste curso. O evento, organizado pola Concellaría de Cultura que dirixe Teresa Veloso, terá lugar o vindeiro sábado, 31 de maio, no polideportivo municipal a partir das 16.00 horas.
Nesta ocasión, o festival fin de curso terá tamén un fin solidario en beneficio do Programa Municipal de Alimentos SOS Porriño. Desta maneira, todos os asistentes deberán achegar un quilo de alimento non perecedoiro á entrada.
A mostra estará composta por diferentes postos nos que se exporán manualidades, costura, pintura, arte floral, etc. Tamén haberá actuacións de baile galego, canto coral, play back e do grupo de acordeóns de Cans.
Desde o Concello animan a todos os veciños e visitantes a que acudan durante a tarde do sábado ao polideportivo a contemplar os diferentes produtos realizados artesanalmente e as actuacións musicais, á vez que colaboran cunha boa causa.











