A XI Carreira Popular da Guía contará cunha faceta solidaria para Cáritas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Un ano máis, o 17 de maio, día das Letras Galegas, vai acoller a celebración da Carreira Popular Virxe da Guía: unha das cinco competicións que forman parte do sétimo Circuíto de Carreiras Populares Concello de Riveira, con patrocinio da Poutada.

Mariven Sampedro como presidenta da entidade organizadora Asociación de Veciños de Carreira, Ramón Sampedro no nome de Atletismo Virxe da Guía e Juan Luis Martínez como concelleiro delegado de Deportes encargáronse de relatar os pormenores desta cita, que vai pola súa undécima edición.

Así, a clásica das Letras Galegas traerá importantes novidades, como é o feito de conter unha vertente solidaria en favor da organización sen ánimo de lucro Cáritas Riveira. Neste senso, a organización recibirá cantas achegas se realicen en forma de alimentos non perecedeiros, obxectos de aseo e roupa infantil que serán doados á citada ONG local.

Por outra parte, este ano a proba estará dedicada a un emblemático corredor local como é Carlos Pardavila, “Carlitos”, quen ten participado en numerosas probas do municipio dende a década dos setenta do século pasado e recibirá con tal motivo unha calorosa homenaxe. “Carlitos” súmase así a outros deportistas distinguidos, como Ramón Folgar, Ramón Ayaso, Juan Vidal ou José Antonio Nespereira.

Circuíto

En canto as características da competición, na súas categorías adultas (xuvenil junior, sénior e veteráns) disputarase sobre un percorrido de dez quilómetros que terá inicio e fin na zona da Capela. Entremedias, transitará por O Vilar, Vixán, A Graña, Listres e Sabartán. Esta modalidade absoluta terá lugar a partir das 18 horas.

Previamente, ás 17 horas, terá lugar unha primeira proba para benxamíns cun percorrido de 600 metros; ás 17.15 horas participarán os alevíns e infantís sobre 900 metros e ás 17.30 horas, os cadetes sobre 1.800. Finalizada a proba principal, ás 19.15 horas tomarán parte os pitufos e prebenxamíns sobre unha distancia de 50 metros.

Ás 19.30 horas principiará a entrega de trofeos, entre os que sobresale o trofeo artesán para os tres primeiros clasificados das categorías absolutas, obra de Abraham Benítez, quen fora o promotor da carreira durante nove edicións. Tamén haberá copas, medallas e un sorteo de diverso material deportivo por cortesía da firma Revolutrion e bonos de fisioterapia a iniciativa de María Martínez.

Servizo de avoas

Cómpre destacar tamén outra chamativa novidade desta edición, como é o feito de que a organización habilitará un servizo de avoas co fin de que os corredores poidan deixar os seus pequenos nas responsables mans dun grupo de maiores que se prestou voluntario en tanto aqueles disputan a competición. Tamén haberá servizo de gardarroupa e gardachaves.

A xente que estea interesada en participar ten ata o 15 de maio para inscribirse, ben na páxina web municipal www.riveira.es ou ben en www.virxedaguia.org. As inscricións son gratuítas en categorías escolares e teñen unha cota de seis euros en adultos. Permitirase ata un máximo de 300 participantes en cada unha destas dúas vertentes, habendo nestes momentos arredor de 150 persoas anotadas.

7 de maio de 2014 | 13:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.