A Policía Local de Porriño aplica as primeiras sancións por consumo de alcol
A Policía Local de Porriño, dependente da Concellaría de Tráfico e Seguridade Cidadá, que dirixe José Manuel Jacobo, traballa xa en base á reforma da Lei de Tráfico e Seguridade Viaria que entrou en vigor hai unha semana. Nesta inclúense novidades co obxectivo principal de adaptar algúns dos contidos da norma á realidade actual, aumentando a seguridade e protección de todos os usuarios da vía, en especial dos máis débiles e sancionando de forma máis dura as condutas máis perigosas. Precisamente un dos preceptos aos que fai referencia o novo texto é ao consumo de alcol e drogas, cuxa nova normativa xa foi aplicada aos primeiros infractores detectados polos axentes da Policía Local de Porriño nos controis realizados durante a madrugada do pasado fin de semana.
Desde a Xefatura do corpo, Daniel Rodríguez informa de que das 340 alcoholemias realizadas durante as noites do venres e sábado 13 delas (12 homes e unha muller) deron positivas. Dous dos condutores triplicaban a taxa legalmente establecida polo que incorreron nun presunto delito contra a seguridade viaria sendo citados a un xuízo rápido e enfrontándose a unha pena de prisión de tres a seis meses, multa económica e privación do dereito a conducir vehículos por tempo superior a un e até catro anos, segundo recóllese no Código Penal. Outras dúas destas 13 persoas excedían o dobre do permitido polo que a sanción foi a retirada de seis puntos do permiso de conducir e o pago de 1.000 euros (aquí está unha das reformas da lei); e aos outros nove condutores que deron positivo impúxoselles unha multa de 500 euros máis a retirada de catro puntos.
A Policía Local de Porriño lembra que continuará realizando estes controis, sobre todo durante as noites do fin de semana, co obxectivo principal de concienciar que o alcol e o volante non son compatibles, pois a combinación destes dous factores fan que un vehículo se converta nunha arma moi perigosa.











