Varios rexedores únense para presentar mocións en defensa de que o Barbanza conserve os xulgados de instancia

Rolda de prensa dos catro rexedores
Os alcaldes de Riveira (Manuel Ruiz), A Pobra (Isaac Maceiras), Boiro (Juan José Deste) e Porto do Son (Luis Oujo) compareceron hoxe na Casa Consistorial da cidade barbanzana para expoñer o seu posicionamento acerca do proxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial que se está tramitando no Goberno do Estado.
Manuel Ruiz erixiuse en voceiro dos rexedores presentes e manifestou que, aínda que o que se ten elaborado dista moito do que poida chegar ao Consello de Ministros, “é un texto que aos alcaldes preocupa”.
Ruiz Rivas anunciou que os catro alcaldes van presentar nos seus concellos unha moción en defensa da cercanía dos servizos de xustiza ao cidadán e que garanta a máxima eficacia na prestación dos mesmos.
“A Lei Orgánica do Poder Xudicial sufriu corenta modificacións en trinta anos e todos somos conscientes de que é posible que haxa que revisar a lei de planta –argumentou-, pero sempre sobre a base de defender que Barbanza sexa sede de xulgados de instancia “.
Así, o alcalde riveirense salientou a relevancia que a nivel poboacional ten esta zona e a importante carga de traballo dos traballadores de xustiza. A modo de exemplo, manifestou que o partido xudicial de Riveira é o noveno de Galicia con máis de 8.000 asuntos. “Calquera modificación que se faga ten que considerar a Barbanza como unha das sedes de xulgados de instancia”, declarou o rexedor, quen engadiu que se dará traslado desta postura a outros alcaldes de municipios incluídos na península de Barbanza.











