Uns 200 cans concorrerán na I Exposición Nacional Canina Concello de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRiveira
A-
A+

Máis de 200 cans de todo tipo de razas concorrerán esta fin de semana na primeira edición da Exposición Nacional Canina Concello de Riveira: un evento organizado pola sociedade cinolóxica galega Expogal coa colaboración de distintas entidades e institucións, entre elas o Concello.

O edil Juan Luis Martínez en representación deste ente local e José Fernández como membro de Expogal foron os encargados de explicar os detalles da mostra, que se desenvolverá durante os días 5 e 6 de abril nunha carpa de 800 metros cadrados instalada na praza de España. O acceso é gratuíto.

A iniciativa arrancará coa celebración o sábado 5 ás 12 do mediodía dun concurso de mascotas no que poderá acudir calquera persoa interesada, con independencia de se o seu can ten ou non pedigrí.

A partir das 16.30 horas terán lugar dous monográficos: un dedicado ao American Staffordshire e o outro ao Bulldog Americano. A organización calcula reunir en cada un destes monográficos entre 30 e 35 cans.

En canto ao día 6, ás 11 horas terá lugar o inicio da propia exposición nacional coa asistencia de máis dun cento de participantes de diversas razas, con expectativas de poder alcanzar os 160. Ás 16.30 horas celebraranse as finais e a posterior entrega de trofeos. Para avaliar as cualidades e beleza dos animais presentados asistirán catro ou cinco xuíces.

Tanto José Fernández como Juan Luis Martínez quixeron animar á cidadanía a que se achegue a esta novidosa exposición. A modo de aliciente, no transcurso do evento realizaranse recoñecementos de razas para cans sen pedigrí.

3 de abril de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.