“Unión Cervexeiras” e “Toca y vete” proclámanse vencedores do I Torneo de Fútbol Indoor Concello do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Porriño
A-
A+

O I Torneo de Fútbol Indoor Concello do Porriño viviu o pasado sábado a súa xornada de clausura. Fíxoo coa disputa das finais nas categorías senior. O gañador do cadro masculino foi o Toca y vete, capaz de dobregar aos Autos Rivada no último e decisivo partido por 6 – 7. A Unión Cerceveras impúxose ás Augardentes na final da modalidade feminina por un contundente 8 – 1.

Ademais do trofeo de vencedor, a organización do torneo, composta por representantes do Concello de Porriño e da liga Metropolitana, quixo recoñecer outras valías. Así, o Toca y vete obtivo tamén o galardón ao equipo menos goleado. O SUAJ, que caeu en semifinais ante o Maloserá, conseguiu o premio á deportividade. O único recoñecemento individual foi para Siso, máximo goleador do torneo.

Máis aló das copas e medallas, os gañadores fóronse para casa con outro agasallo especial: unha bóla de pan de Porriño. Un dos produtos máis típicos do Val da Louriña que non puido faltar na cita.

Exenta de carácter competitivo estivo a competición nas categorías base. Xogadores do Porriño, Atios, Pontellas, Xuvenil de Lérez, Salceda de Caselas e Teis recibiron todos eles un premio pola súa mera participación nas diferentes categorías que acolleu o torneo. No acto de clausura estiveron presentes o alcalde de Porriño, Nelson Santos, o concelleiro de Deportes, Alejandro Lorenzo e o coordinador de Liga Metropolitana, Alfonso Álvarez.

Gran parte dos máis de 500 participantes tivo a súa primeira experiencia co fútbol indoor a través deste torneo. Un deporte que cada vez gaña máis adeptos, pola “súa facilidade de xogo e porque nunca sae o balón do campo”, tal e como afirmou a organización na presentación do evento. O carácter vistoso desta modalidade axudou a encher o polideportivo porriñés, moi frecuentado nos tres días que durou a competición. Isto contribuíu ao éxito de iniciativas como a desenvolta por SOS Porriño durante a disputa deste I Torneo de Fútbol Indoor Concello do Porriño. A entidade solidaria recolleu centos de alimentos desde o xoves ao sábado, achegados polos propios participantes e polo público asistente.  A satisfacción foi plena por parte de todos os involucrados neste proxecto que promete ter continuidade. 

Resumen fase final: 

Categoría masculina 

Cuartos de final:

Autos Rivada 10 – 3 Tirade a modo

Mobles Durán 5 – 8 A Competencia

Toca y vete 6 – 1 Xidavante

Maloserá 7 – 1 SUAJ

Semifinais:

Autos Rivada 2 – 2 A Competencia (5-6 p.)

Toca y vete 3 – 1 Maloserá

Final:

Autos Rivada 6 – 7 Toca y vete

Categoría feminina

Final:

Augardentes 1 – 8 Unión Cervexeiras

21 de abril de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.