Un total de 18 clubes daranse cita no terceiro Torneo de Fútbol Base Aguiño 2014
O Torneo de Fútbol Base Aguiño 2014 corre camiño de consolidarse como unha das principais competicións que se celebran nas datas de Semana Santa co desenvolvemento da súa terceira edición: unha cita que terá lugar os días 17 e 18 de abril no campo da Tasca e que este ano contará coa participación de 18 clubs.
José Manuel Vilas como presidente do Xuventú Aguiño –a entidade organizadora- e Juan Luis Martínez como concelleiro municipal de Deportes foron os encargados de presentar o torneo, que está dirixido a rapaces pertencentes ás categorías prebenxamín (día 17) e benxamín (día 18).
A competición terá unha primeira fase de liguiña na que se medirán, en cada xornada, 16 equipos distribuídos en catro grupos. De cada grupo clasificaranse os dous mellores equipos que xogarán as eliminatorias de cuartos de final, aos que seguirán os partidos de semifinais e final. Os duelos sucederanse ininterrompidamente dende as 10 ata as 21 horas.
Juan Luis Martínez destacou os beneficios deste torneo xa non só dende o punto de vista do desenvolvemento deportivo senón tamén para favorecer a sociabilidade dos nenos participantes. Pola súa parte, José Manuel Vilas quixo agradecer a implicación das entidades colaboradoras nun torneo que tivo como últimos vencedores ao Santa Mariña de Vigo (prebenxamín) e ao Xuventude Oroso (benxamín).
Os clubs participantes son: Xuventú Aguiño, S.D. Abanqueiro, Catoira S.D., Sálvora C.F., Porto do Son C.F., Santiago de Compostela, Once Caballeros C.F., E.D. Arousa, C.D. Unión, E.F.C.D. Boiro, S.D. Villestro, Arosa S.C., V. Cabo de Cruz, Ulla Pontecesures C.F. e E.F. Sálvora.











