publicidade hoxe

Ultímase a implantación do Plan Enerxético Provincial no Concello de Riotorto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRiotorto
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo Alcalde do Concello de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, e o 2º Tenente de Alcalde, José García Freije, supervisou hoxe o desenvolvemento dos traballos de implantación do Plan Enerxético Provincial neste Concello. Logo de que os técnicos provinciais revisaran a Casa Consistorial, o Centro Sociocultural e o alumeado público da localidade, estes realizaron unha auditoría técnica que aconsellaba a instalación de elementos de aforro enerxético, traballos estes que agora rematan.

Coa implantación deste Plan Enerxético, o Concello poderá reducir os seus gastos correntes durante este ano en 41.000 euros, xa que ós 10.000 euros do prezo de mercado das auditorías realizadas de xeito gratuíto polos técnicos da Axencia Provincial da Enerxía, hai que sumar os 26.263 que a Deputación destinou á compra do novo equipamento enerxético e os 4.800 euros que se reducirán na factura anual da luz do Concello.

Durante a visita, na que tamén estiveron os técnicos provinciais para comprobar as actuacións realizadas ó abeiro deste programa, Méndez destacou que á redución dos gastos para as arcas municipais, hai que sumar “o beneficio medioambiental, xa que tamén supón unha redución de 6,4 toneladas de CO2 ó ano, equivalente á plantación de 320 árbores, ó consumo de 26 barrís de petróleo ou ó gasto eléctrico anual de 5 familias do Concello”. A Vicepresidenta destacou que os gastos en electricidade poden supoñer ata o 90% da factura enerxética dun Concello e o 15% do seu orzamento total.

Tras realizar a auditoría previa, os técnicos provinciais aconsellaron a instalación de 273 novos compoñentes -57 na Casa Consistorial; 41 no Centro Sociocultural e 175 no alumeado público-, entre lámpadas de baixo consumo; válvulas termostáticas; termostatos programadores inhalámbricos, descargadores de sobretensión ou reloxos astronómicos.

15 de abril de 2014 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.