publicidade hoxe

Seis concellos de Ferrol, Eume e o Ortegal crean unha comisión para buscar unha alternativa a Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaA CoruñaAs PontesCariñoLocal PortadaMugardosNarónSan Sadurniño
A-
A+

Representantes de seis concellos das comarcas de Ferrol, Eume e o Ortegal reuníronse esta mañá en Narón para empezar a falar dun modelo do tratamento do lixo distinto ao de SOGAMA. Narón, San Sadurniño, As Pontes, Cariño, A Capela e Mugardos participaron nunha xuntanza á que escusaron a súa asistencia Ares e Monfero e que estivo marcada pola ausencia de municipios gobernados polo Partido Popular. O principal acordo adoptado nela foi o de crear unha comisión de traballo para buscar un sistema de xestión dos residuos máis sustentable desde o punto de vista ambiental e que, ademais, poida ser xerador de emprego.

A comisión de traballo estará formada por persoal dos concellos de Narón, As Pontes e San Sadurniño que analizarán tecnicamente as distintas posibilidades existentes. Ademais, tal e como sinalou o alcalde de Narón, a comisión tamén servirá para “conectar” as iniciativas que se vaian desenvolver coas doutros concellos de Galicia para chegar a unha solución “que poida ser viable para todos”, dixo José Manuel Blanco.

O alcalde de San Sadurniño contextualizou a busca dunha alternativa a SOGAMA asegurando que o modelo da empresa participada pola Xunta “é un modelo esgotado” desde o punto de vista ambiental. Secundino García engadiu ademais que SOGAMA “está cobrando por un servizo que non nos está prestando, xa que nos cobra por soterrar o lixo coma se o estivese tratando”.

O alcalde de San Sadurniño cualificou a xuntanza como “unha primeira toma de contacto” e aclarou que a comisión de traballo “está aberta á incorporación do resto dos concellos da comarca cando así o desexen” posto que, tal e como dixo García, “o único que buscamos son alternativas que sexan máis viables economicamente e máis sustentables ambientalmente e socialmente”.

O labor da comisión técnica estará suxeito a un seguemento exhaustivo por parte dos concellos, que marcaron para dentro de un mes unha nova xuntanza informativa na que se dará conta do plan de traballo.

Empezan a chegar as facturas

De todos os concellos presentes na reunión desta mañá, San Sadurniño foi o único que xa recibiu a factura de SOGAMA co correspondente incremento do canon nun 34%. Os medios que asistiron á rolda de prensa posterior insistiron en saber se os concellos participantes na comisión teñen previsto trasladar ese sobreprezo aos recibos dos veciños. Narón explicou que si vai repercutilo e cifrou o incremento nunha cantidade próxima aos 300.000 euros anuais.

No caso de San Sadurniño a suba non se vai aplicar e mesmo é posible que o Concello non teña que pagar o canon. A razón está no contrato asinado entre o Concello e SOGAMA no 2004. O documento reflicte a vixencia do servizo por un periodo de 15 anos e establece que o prezo do tratamento se revisará anualmente tomando como referenza o IPC. O alcalde de San Sadurniño opina que o concello “ten dereito a esixirlle a SOGAMA que non cobre máis que o que pon o contrato”. A este respecto, Secundino García apuntou que a factura correspondente ao mes de marzo xa pasou á Intervención municipal para que emita os informes correspondentes.

22 de abril de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.