Segunda gala do Natural Sport para o recoñecemento de persoas e entidades en Riveira
Este sábado terá lugar no Restaurante Baiuca de Artes, a segunda gala de recoñecementos deportivos e solidarios organizada polo Club Natural Sport – Videlgi Riveira. Nesta ocasión as insignias de prata recaerán nun grupo de voluntarios que levan anos dedicados altruistamente á colaboración con entidade e ao fomento do tae kwon do. Sete serán as persoas galardoadas entre as que se atopan:
-Vicente Díaz, presidente do club TKD Natural Sport – Videlgi Sada e que foi un dos motores principais na expansión e reorganización da entidade.
-Eladio Rodríguez, da sección de Caamaño, e como o anterior, colaborador desinteresado na promoción deste deporte.
-Por parte do club de Riveira, recibirán a súa insignia conmemorativa: Rebaca Cameán, Gabino Cobas, Mari García, Ramona Alborés e Ignacio Dosil, todos eles colaboradores da entidade na organización a eventos, asistencia a campionatos e concentracións, etc…
“Para nós é unha honra e unha satisfacción recoñecer os méritos destas persoas que cada día achegan o seu granito de area para que os deportistas estean o mellor atendidos posibles e o club poida seguir co seu labor de difusión e progresión do tae kwon do. Sabemos que temos moitas máis persoas que axudan e colaboran e que recoñeceremos en galas posteriores e para eles tamén vai o noso agradecemento” – José Francisco Agrelo.
No mesmo evento recibirá a insignia de ouro do Club, a entidade Cáritas Riveira, polo seu labor solidario e humanitario, sendo unha das organizacións que co seu esforzo e apoio está a axudar aos máis necesitados. “Estes valores transmitidos por entidades como Cáritas van inherentes aos valores que promulga o tae kwon do e con este recoñecemento queremos que os nosos mozos se contaxien dos mesmos e poidan incorporalos como parte da súa formación”.
Así mesmo, recibirán o cinto negro honorífico da Federación Galega de Tae Kwon Do polo seu labor na promoción dos valores deportivos: Rafa Pascual (mellor xogador nacional da historia en voleibol), Fermín Cacho (un dos mellores atletas de todos os tempos, ouro en Barcelona 92 e prata en Atlanta 1996) e o xefe de deportes de TVE Jesús Álvarez. Todos eles xa confirmaron a súa asistencia.
Joel González (ouro Londres 2012 tae kwon do) tamén foi galardoado coa insignia de ouro e brillantes do club pero ao non poder asistir emprazarase a súa entrega para un acto posterior neste Concello do mesmo xeito que a prestixiosa revista National Geographic, que tamén aceptou o galardón e en breve comunicará cando podería asistir a recoller devandito mérito.











