Riveira conmemorará o Día do Libro cunha estrea teatral ante 250 alumnos de secundaria
O Concello de Riveira vai conmemorar no día de mañá, mércores día 23 de abril, o Día Internacional do Libro a través dunha actividade cultural de dinamización que se celebrará no Auditorio ante máis de 250 alumnos de Educación Secundaria.
Trátase da estrea por parte de U-Tópico Teatro da obra “Antiheroica”, escrita polo pobrense Fran Godón, que ademais forma parte do elenco actoral xunto a Toni Salgado. Vanesa Sotelo encárgase da dirección, deseño e dramaturxia.
Charla-debate
A actividade, que está organizada pola Concellería de Educación, dará comezo ás 11.30 horas e terá aproximadamente unha hora de duración. Unha vez concluída, os actores e a directora da obra abrirán unha charla debate na que o alumnado terá a oportunidade de conversar acerca do proceso creativo, o oficio de actor e outros temas relacionados co teatro e coa literatura en xeral.
Como se fose un álbum de humanidades, en “Antiheroica” as historias dos antiheroes toman os corpos dos dous únicos habitantes dun espazo impersoal, pechado e infinito. A morte, a herdanza, a soidade e o tempo son algunhas das claves universais e eternas sobre as que se constrúe esta proposta na que a morte e a resurrección fían as escenas na espera de atopar un sentido que nunca chega. Unha paleta de cores na que se mestura o riso coa tristura, a sorpresa co predicible e onde mesmo hai cabida para a tenrura, a comprensión, o sufrimento ou a grima. Unha sucesión de antiheroes que pasan por diante do espectador e que o animan a entrar nun xogo dinámico no que calquera pode atoparse.











