Riveira activa o seu GEM para actuar ante riscos e emerxencias municipais
O Concello informa da creación dun grupo estable que se dedicará á prevención de riscos e intervención no termo de Riveira. O GEM (nome provisional, acrónimo de Grupo de Emerxencias Municipal) estará composto dun capataz e seis peóns e prevese que estea operativo a partir de xullo, unha vez concluído o proceso de contratación dos seus membros polo réxime de oposición libre.
Entre as tarefas e labores a desenvolver por este persoal figuran a prestación de servizos de emerxencia (tales como a intervención en incendios forestais e urbanos no ámbito territorial e funcional da súa competencia, intervencións en situacións derivadas de riscos naturais, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, etc., intervencións en situacións de risco inducidos polo home, etc.).
Tamén se contempla a participación nas actuacións e intervencións materiais do servizo de protección civil, co mantemento e coidado de equipos e material utilizados (colaboración en caso de aglomeracións de persoas en lugares e momentos determinados, colaboración e apoio en calquera situación que implique riscos para persoas, bens ou medio ambiente, colaborar nas funcións que lle poidan corresponder segundo os diferentes plans de protección civil previstos na normativa legal vixente, etc.).
Función preventiva
E en xeral, calquera outra tarefa vinculada coa función preventiva dos distintos servizos que ten que prestar o Concello e vinculada co eido competencial no que se integran estes postos (realización de actividades ou, no seu caso, establecemento de medidas preventivas que minimicen as situacións de risco indicados, tales como desbroce e limpeza de cunetas e montes, limpeza de taxeas, retirada de delfíns, ou calquera outra en materia de protección civil, emerxencias, medio ambiente, servizos sociais, sanidade, cultura, educación ou deporte).
Xornada completa
Está previsto que este luns saian publicadas no Boletín Oficial da Provincia as bases de convocatoria para o proceso de selección para a contratación laboral dos membros grupo, que terá lugar na modalidade de xornada completa, en quendas de mañá ou de tarde, todos os días da semana, cos descansos que regulamentariamente correspondan.
Os contratos formalizaranse baixo a modalidade de duración determinada de interinidade por vacante e se prolongarán mentres non se cubran os postos de traballo en propiedade, o que asegura a estabilidade do servizo.
Aqueles que estean interesados en participar terán un prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación do anuncia para a presentar as súas solicitudes e o resto de documentación requirida.











