Os porriñeses aprenden a buscar emprego como un traballo en si mesmo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

A xornada de hoxe do Triángulo de Emprego de Porriño contou con numerosos asistentes, novos e maiores, que quixeron aprender a como buscar traballo dunha maneira efectiva e eficiente. Para iso, Sandra Prieto, xestora de persoas e coaching en Valores, fíxolles partícipes dun taller a través do cal lles deu as directrices a seguir para afrontar con éxito unha entrevista de traballo, á vez que tamén lles ensinou a xestionar o fracaso.

O relatorio centrouse na importancia de tomar a procura de emprego como un traballo en si mesmo, “de ser conscientes de que o que antes se facía agora xa non vale, cambiaron tanto o que as empresas buscan como o que un ten que saber nunha entrevista de traballo”, sinalaba Prieto. Precisamente, da entrevista indicou que hai que tomar cada entrevista coma se fose a primeira e preparala como tal, facer os currículos individualizados, coñecer á empresa, ter claro nosas fortalezas, ser tamén conscientes das nosas limitacións e, ante todo, ir con actitude positiva, pois “dado que hoxe hai moita xente en todas as especialidades, existindo moitos candidatos para unha mesma oferta, a actitude adquire moita importancia á hora da selección”, subliñaba.

Entre os obxectivos marcados para unha procura activa de emprego, Prieto mencionou “saír da zona de confort”, é dicir do círculo de influencia que nos rodea, “hai que arriscar, cambiar, probar cousas novas; si enviaches centos de currículos e non chámanche é porque hai algo que modificar”. Neste sentido, subliñou xa non só a importancia da actitude, a predisposición e o optimismo, senón tamén da formación adquirida e, sobre todo, “de formarse sabendo cara a onde un quere ir”. Volvendo ao feito de saír da zona de confort, Prieto animou aos asistentes, a través dun vídeo explicativo e moi gráfico, a ir á seguinte zona, a zona de aprendizaxe, “unha zona de observar, experimentar, aprender… na que ampliaremos a nosa visión do mundo”; e xa posterior a esta atópase a zona do pánico ou da non experiencia “onde che poden ocorrer cousas que non coñeces pero á vez é a zona dos grandes retos”; no entanto, en calquera caso, “a zona de confort sempre estará aí e sempre teremos a oportunidade de volver a ela”, puntualizaba.

En canto a como xestionar e afrontar unha situación de fracaso, como o feito de non conseguir emprego, Prieto insistiu no fundamental que é “levantarse cada día coma se fose o primeiro, como unha nova oportunidade de atopar un posto de traballo”.

Por outra banda, durante a conferencia Prieto referiuse tamén ao estar e ao parecer sinalando que “temos que traballar no estar e non no parecer”, así recalcou que “temos que estar dispostos, estar preparados e ser optimistas e non aparentalo”.

Mes de maio dedicado ao autoemprego

O Triángulo de Emprego inicia o vindeiro martes a última fase. Durante todo o mes de maio celebraranse diferentes xornadas centradas no autoemprego e a figura do emprendedor. As conferencias terán lugar nos días e horario habitual, os martes e xoves pola mañá no Multicentro de Torneiros.

30 de abril de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.