Os alumnos do curso de atención sociosanitaria do Porriño elaborarán un maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Desde o seu inicio o pasado mes de decembro, o curso de Atención Socioasanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, que se desenvolve no Multicentro de Torneiros (Porriño), está a capacitar a un grupo de 15 persoas desempregadas, 13 mulleres e 2 homes, para traballar no sector. 500 horas de formación teórica e práctica nas que se inclúen a realización e coordinación de actividades con motivo da celebración das diferentes festividades ao longo do ano, co obxectivo de aprender a motivar e facer partícipes aos futuros usuarios, que atenderán en residencias e centros, destas festas, como son os Entroidos ou o Nadal. Entrada xa a primavera outro evento moi arraigado en Galicia, e sobre todo entre as persoas de maior idade, é a festa dos maios; con tal motivo, os alumnos confeccionaron un maio que loce xa no patio do Multicentro, elaborado, fundamentalmente, con herbas, helechos, froitas, ovos e adornos de papel.

O alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo, puideron apreciar o traballo realizado polo cal lles felicitaron e animáronlles a continuar esforzándose para adquirir novos coñecementos que lles fagan ser máis competitivos á hora de optar a un posto de traballo. Así o rexedor local sinalou que “a formación en materia de atención sociosanitaria conta con boas perspectivas de face á inserción no mercado laboral, no cal existe unha demanda importante destes profesionais a curto, medio e, sobre todo, a longo prazo dado ao envellecemento da poboación”.

A finais deste mes de abril rematarán as clases e pasarán a realizar as prácticas nunha residencia ou centro de terceira idade, prácticas que até o momento desenvolvían nunha aula homologada, apropiada e específica, totalmente equipada cos materiais necesarios para tal fin. Desta maneira, unha parte do habitáculo está destinado ás sesións teóricas, para a cal se dispuxeron os pupitres, cadeiras e encerado precisos; e na outra parte colocáronse todos aqueles elementos existentes en calquera fogar para adquirir unha aprendizaxe o máis aproximado á realidade, así o espazo se subdivide en catro estancias, un dormitorio con camas articuladas, unha cociña totalmente equipada, un cuarto de baño adaptado e unha salita de estar.

Unha vez finalizado o curso, enmarcado no proxecto Aquelando 3 da Deputación de Pontevedra, os alumnos obterán un certificado de profesionalidade de nivel 2. O concelleiro engade que “con accións como estas, tanto provenientes da Deputación de Pontevedra como da Xunta de Galicia e do propio Concello, queremos contribuír á formación das persoas desempregadas en materias que poidan facilitarlles a consecución dun posto de traballo, especialmente naquelas disciplinas nas que existe un nicho de mercado emerxente como o é neste caso”. Neste sentido, Santos reiterou que o obxectivo prioritario do Goberno local e polo cal se traballa día a día é o fomento e a xeración de emprego.

9 de abril de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.