publicidade hoxe

O veciño de Sada detido tras agredir cun coitelo á súa muller e sogros pasa a disposición xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSadaSucesos
A-
A+
Europa Press

O veciño de Sada (A Coruña) detido o domingo tras agredir á súa muller e aos seus sogros cun coitelo pasou a disposición xudicial este martes no Xulgado de Betanzos, segundo informou a Garda Civil.

A detención de J.L.S., de 58 anos, produciuse despois de que cometese a agresión e tras atrincheirarse na casa, unha vivenda unifamiliar situada no lugar de O Castelo, na parroquia de Osedo, en Sada.

Posteriormente prendeulle lume, aínda que as chamas puideron ser sufocadas polos servizos de emerxencia municipais. Tamén tentou incendiar a casa do seu veciño, aínda que sen conseguilo.

O suceso produciuse pasadas as 22.30 horas do pasado domingo, cando o home agrediu cun coitelo á súa muller e aos seus sogros, aos que nun primeiro momento axudaron os veciños. O home persistiu na súa actitude e foi a por unha garrafa de gasolina.

INCENDIO NA SÚA VIVENDA

Tras tentar asperxer con ela a casa dun veciño, sen conseguilo, dirixiuse á súa vivenda á que chegou a prender lume. No entanto, os servizos de emerxencia municipais lograron extinguir o incendio.

Ao lugar, trasladáronse tamén efectivos da Policía Local e da Garda Civil. Finalmente, o home foi detido nas proximidades e trasladado ás dependencias da Benemérita na Coruña, no acuartelamento de Lonzas onde permaneceu ata este martes.

Tanto a muller do agresor como os seus sogros foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), onde foron atendidos de feridas leves.

1 de abril de 2014 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.