O Triángulo de Emprego do Porriño achega as vantaxes da formación profesional dual
A Formación Profesional Dual como unha medida para atallar o desemprego xuvenil foi o tema principal sobre o que virou a xornada do Triángulo de Emprego de Porriño celebrada esta mañá no Multicentro de Torneiros.
“Coas conferencias de hoxe pretendemos achegar ás empresas e aos traballadores a formación dual, na que se combina a formación teórica coas prácticas laborais, explicando as características e o funcionamento dos contratos de formación e aprendizaxe, así como as vantaxes que supón para ambas as partes”, explica o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo. E é que a FP Dual reporta beneficios tanto para o empresario como para o estudante/traballador, “por iso é polo que desde Porremprego e desde o Concello de Porriño apostemos pola posta en marcha de programas como este como unha boa medida para a loita contra o desemprego sobre todo no sector da poboación máis nova”, sinala o alcalde Nelson Santos.
Desta maneira, e tras unha introdución de exposición de conceptos básicos sobre a FP Dual no sistema educativo, por parte de Mª do Mar León, coordinadora de FP Dual do CIFP Carlos Oroza, dúas empresas pioneiras expuxeron a súa experiencia coa formación dual. Chelo Lage, directora executiva, do centro de formación Quelqum, contou a experiencia de ser o primeiro centro de formación en España que puxo en marcha un proxecto deste tipo. Neste sentido, explicou aos asistentes as características e o funcionamento dos contratos de formación e aprendizaxe coas vantaxes que ofrece tanto para a empresa como para o alumno/traballador. Así destacou como beneficios para a empresa, sobre todo, “o feito de formar a medida e acorde ás necesidades da propia empresa, á vez que se coñece xa as calidades do futuro traballador”, e para o estudante “a formación de face a obter un título oficial á vez que cobra un salario e cotiza á seguridade social, ademais de contar cunha alta probabilidade de que formar parte do persoal nun futuro”. Precisamente, Quelqum é a entidade encargada da formación en Exlabesa, a outra empresa participante no Triángulo de Emprego e que foi unha das primeiras de Galicia en aplicar o programa de Formación Dual impulsado pola Xunta.
Nuria Rodríguez, responsable do departamento de Prevención, e Ana Randulfe, encargada do servizo de Calidade, foron as encargadas de expor a experiencia desta empresa de Padrón dedicada á extrusión de aluminio, que conta con seis fábricas en Galicia e plantas de produción en Inglaterra, Polonia, Estados Unidos e Marrocos. Exlabesa puxo en marcha en maio de 2013 este programa do cal participaron 30 mozos en situación de desemprego e dos cales 25 pasarán a formar parte do cadro de persoal de empresa. O grupo Exlabesa puxo de manifesto a súa aposta pola aprendizaxe no seo da empresa xa que permite formar traballadores segundo as súas necesidades. “A FP Dual é para nós a ferramenta máis adecuada para lograr os mellores especialistas en cada áreas, posto que a través dunha formación integral formamos a futuros traballadores partindo de cero, moldeando a súa aprendizaxe á nosa medida, sempre atendendo ás nosas esixencias de produción”, explica Rodríguez.
Perfís profesionais en CITIC HIT Gándara Censa
Para finalizar a xornada, José Antonio González, xefe de Recursos Humanos e Relacións Laborais de CITIC HIT Gándara Censa, expuxo a traxectoria da empresa e mostrou os perfís profesionais que buscan e que se centran, fundamentalmente en: caldereros, soldadores, operarios de máquina e de movemento, enxeñeiros con coñecementos de soldadura e calderería, técnicos de mantemento mecánico e eléctrico, técnicos de calidade e persoal administrativo de soporte.
Próxima xornada, martes 8 de abril
O Triángulo de Emprego continúa o vindeiro martes, 8 de abril, no Multicentro de Torneiros. Desde as 10.00 e até as 14.00 horas trataranse temas relacionados co emprego.
Nesta ocasión a xornada estará composta por catro relatorios. Pablo Bua, responsable de Recursos Humanos de Playdesa, explicará as pautas que seguiu esta empresa do sector do envase e embalaxe para sortear a crise desde o punto de vista do departamento de RR.HH. César Barros, capitán de Fragata, e Manuel Álvarez, comandante, falarán da profesión militar e das ofertas de emprego nas Forzas Armadas. A empresa Traballar en Holanda exporá aos asistentes as ofertas dispoñibles nos países nórdicos. E, para finalizar, María Vázquez, de Lonza Biologics Porriño, dará a coñecer a multinacional Lonza e o seu centro produtivo de Porriño, sinalando ademais o tipo de profesionais que traballan na empresa.











