O Porriño recada uns 300 quilos de tapóns solidarios en catro meses
Máis de 300 quilos de plástico é o que esta mañá recolleu un camión da empresa recicladora Reserplas no Multicentro de Torneiros, a maioría eran tapas e tapones pero tamén son válidos determinados envases de plástico, por exemplo o de iogures bebibles.
Trátase do primeiro resultado da iniciativa posta en marcha a finais do pasado ano polo Concello de Porriño, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe María José Martínez, de colocar en distintos puntos do municipio caixas para a recollida de tapóns de plástico co obxectivo de colaborar con Banta, o Banco de Tapóns do Baixo Miño, unha plataforma solidaria creada co único propósito de servir de axuda a nenos con necesidades especiais nun momento determinado da súa vida.
O alcalde Nelson Santos e a concelleira, que estiveron esta mañá no Multicentro de Torneiros onde acudiu o camión a recoller os tapóns, valoran de maneira moi positiva esta iniciativa e os seus resultados, “pois en apenas catro meses conseguimos recoller máis de 300 quilos de tapóns de plástico que irán destinados a contribuír con nenos que padecen enfermidades raras e que precisan de axuda”, sinalaba o rexedor local á vez que daba as grazas a todos os veciños pola súa colaboración e implicación, facendo un chamamento de solidariedade para continuar con “este simple, pero moi produtivo, xesto de non tirar o tapón dun envase e gardalo para depositalo nas diferentes caixas repartidas por todo o municipio, colaborando así cunha boa causa”.
A empresa Reserplas, precisamente situada en Porriño, dálle a Banta 250 euros por cada tonelada de plástico. O recadado vai destinado directamente ás familias, para achegar solucións aos nenos con dificultades. No seu ano e medio de traballo, Banta realizou diversas campañas coas que xa axudaron a un total de 12 nenos con enfermidades raras. Actualmente está a traballar con tres novos casos: o de Martiño da Guarda, un neno de seis anos que necesita un guindastre; Daniel, de oito anos e veciño de Verín, que precisa un andador NF Walker e Erik, de Portonovo, que con tres anos debe acudir a diferentes terapias. “O obxectivo é entregarlles 3.000 euros a cada un, para o que necesitamos 36 toneladas”, explica o presidente de Banta, Manuel Pardo.
Desde o Concello de Porriño fan un chamamento á solidariedade e animan a que todos os veciños reúnan os tapóns nas súas casas e lévenos periodicamente aos puntos de recollida máis próximo, situándose as caixas nos diferentes edificios públicos (casa consistorial, polideportivo, praza de abastos, centro cultural, centros educativos e locais de asociacións en todas as parroquias). “Trátase de colaborar cunha boa causa, contribuíndo entre todos, e con moi pouco esforzo, a mellorar aspectos concretos da vida de nenos con necesidades especiais”, conclúe o alcalde Nelson Santos.











