O Porriño celebra a cuarta edición da Feira do Libro e da Artesanía
Chegada a primavera e celebrando tamén o mes do libro e da animación á lectura, a praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá unha nova edición, a cuarta, da Feira do libro e da artesanía de Porriño, organizada pola Concellaría de Cultura que dirixe Teresa Veloso.
Será desde este xoves e até o sábado, os días 10, 11 e 12 de abril, cando se instalen máis dunha vintena de casetas nos que os libreiros do pobo expoñan libros de toda índole e os artesáns e comerciantes ofrezan produtos realizados manualmente. “Trátase dunha oportunidade de achegarnos ás novidades bibliográficas, ao mesmo tempo que degustamos produtos típicos como rosquillas e filloas ou observamos como se confecciona un cesto ou complementos como pendentes, pulseiras e broches”, sinala Veloso. Durante este tres días, haberá unha mostra do traballo dos artesáns locais e da calidade dos seus produtos acabados en madeira, coiro, fío ou aceite, entre outros.
Desde o Concello de Porriño convidan a veciños e visitantes a participar desta terceira edición aberta ao público en horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas.











