O Museo do Gravado de Artes de Riveira exhibe a mostra “Los Trabajos de Hércules y visión de un viaje desde el Atlántico”
O Museo do Gravado de Artes, cuxo padroado está presidido polo alcalde riveirense Manuel Ruiz, está exhibir ao longo do mes de abril unha nova exposición titulada “Los Trabajos de Hércules y visión de un viaje desde el Atlántico”.
A mostra consta dun total de 39 pezas distribuídas en dúas seccións. Dunha parte, figuran 19 gravados do artista Nicolas Poussin (1594-1665), máximo representante da pintura clasicista francesa do século XVII; e doutra, 20 gravados e 10 planchas do venezolano Manolo Dimas (nacido en 1959).
Polo que se refire ás creacións de Poussin, cómpre salientar que a serie “Los Trabajos de Hércules” foi un encargo ao creador francés co obxectivo de decorar a Grande Galería do Louvre, entón palacio real na época de Luis XIII. Esta serie quedaría interrompida por desavenencias do pintor co responsable das obras do patrimonio rexio.
En canto a parte de Manolo Dimas, actual docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e con obras exhibidas en instalacións como o Reina Sofía ou o Museo de la Villa de Madrid, “Visión de un Viaje desde el Atlántico” ten como elemento inspirador a obra A Odisea de Homero.
A orixe desta colección partiu dunha proposta de Javier Expósito, promotor do Museo de Artes actual vicepresidente do Padroado, quen lle encargou unha colección relacionada co mar. Un día, paseando por Corrubedo, Manolo Dimas atopou a un mozo lendo A Odisea e comezou a trazar unha relación entre a figura de Ulises e o emigrante galego.
Apertura en Semana Santa
Para facilitar que veciños e visitantes nas vacacións de Semana Santa poidan contemplar esta exposición, ao igual que a mostra “Randeeira” de Delio Sánchez, o museo vai estar aberto o xoves e o venres, en horario de 16.30 a 19.30 horas; e o sábado de 10.30 a 13.30 e 16 a 19 horas.











